Os hórreos, declarados Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial
O Consello de Ministros aprobou esta terza feira, a proposta do ministro de Cultura, Ernest Urtasun, o Real Decreto polo que se recoñecen os hórreos da Galiza, Asturias, León, Cantabria e Euskadi, como vehículos de transmisión e expresión simbólica de identidade como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.
Este recoñecemento pon de relevo non só as actividades, oficios e coñecementos tradicionais asociados a estas construcións, senón tamén un capital inmaterial contemporáneo e complexo que as comunidades elaboraron ao redor delas.
Segundo o Ministerio de Cultura, os hórreos desempeñan un papel esencial como marcadores culturais e expresións de identidade colectiva, vinculados a prácticas sociais, saberes transmitidos, memorias compartidas e representacións.
O obxectivo desta declaración é garantir a salvagarda desta dimensión inmaterial, incorporándoa de forma explícita nos procesos de identificación, documentación, estudo e difusión deste patrimonio, reforzando o seu recoñecemento e asegurando a súa transmisión interxeracional, informou o Goberno estatal.
Estes valores simbólicos configuran un capital cultural que contribúe a cohesión social e o fortalecemento das identidades locais, manténdose vivo grazas á interacción constante entre as comunidades portadoras e o ben, o que asegura a continuidade e recreación dos seus significados no tempo, comentou.
Os hórreos son arquitecturas populares que se deseñaron para gardar as colleitas e alimentos e poñelas a salvo dos roedores. O seu principal aceno de identidade é que se levantan sobre pilotes ou pés dereitos que os illan do chan para favorecer a súa ventilación interna e evitar o acceso dos animais.
Máis aló desta materialidade, os hórreos posúen un valor inmaterial que reside na súa función simbólica e social: foron e seguen sendo lugares de memoria, fitos visuais e espazos cargados de significados asociados a prácticas, relatos e modos de vida tradicionais. Con todo, detectáronse unha serie de riscos para o seu mantemento como poden ser a desvinculación funcional do hórreo e a súa homoxeneización, a desconexión interxeracional ou a perda dos contextos culturais.
Por iso, as medidas de salvagarda oriéntanse á preservación da súa dimensión simbólica e social, xunto coa conservación material e os oficios tradicionais vinculados a ela. A declaración dos hórreos do norte da península ibérica como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial axudará a garantir a súa conservación, asegurando que as medidas de protección vaian máis aló da súa materialidade, asegurando o seu valor simbólico e de identidade social.