A homenaxe en Euskadi á Murguía que se chamaba Concha
Un documental, un concerto de Kepa Junquera e unha homenaxe floral coa intervención, entre outros, do historiador Xosé Estévez compoñen o programa de actos de homenaxe a Concha Murguía, nai de Manuel Murguía os días 29, 30 e 31 de xaneiro.
Cada ano desde o 2000 arredor da data do seu nacemento en Oiartzun homenaxean a Concha Murguía, a nai do primeiro presidente da Academia Galega e home de Rosalía de Castro. Nesta edición, o programa, organizado polo Fato Cultural Daniel Castelao mais o concello de Oiartzum comeza esta quinta feira día 29 coa proxección do documental de Juanba Berasategi, “Galizarrak Euskal Herrian”, presentado polo historiador Xosé Estévez. Kepa Junkera, cos gaiteiros Manu Gómez e Dani Lumbreras presentarán a sexta feria na Areto Nagusia do Concello o seu disco “Galiza” e o sábado, ás 12 da mañá, na Casa da Cultura e Biblioteca que foi a súa casa natal desenvolverase unha homenaxe floral a Concha Murguía coas intervencións do concelleiro de cultura, Asier Legorburu e Xosé Estévez ademais das actuacións do Talde “Lartaun” de Txisularis, de Oiartzun, e o grupo de gaiteiros “Trisquele”, da Casa de Galicia de Donostia.
Naceu en Oiartzun e e morreu con 48 anos en Compostela
Van xa quince anos do inicio dunha conmemoración que non faltou nunca
O historiador sostén que a familia tivera que fuxir de Euskadi por pertencer seu pai ao partido liberal partidario dos foros cando se produciu a entrada dos Cen Mil Fillos de San Luís. En Galiza tería co boticario José Martínez, antes de casar, o fillo que pasaría á historia co apelido materno: Manuel Murguía. Xosé Estévez ten certo que Concha Murguía, coñecedora da cultura vasca, foi o espello no que se mirou Manuel Murguía para amar tamén o seu país. Na súa casa natal, na que cada ano lle renden homenaxe, unha placa indica que alí naceu Concha Murguía Egaña, “nai de Manuel Martínez Murguía, berce do nacionalismo galego”.