Vídeo no interior

Esta é a historia da Illa das Bonecas, o tétrico escenario escollido por Tim Burton para dirixir o novo videoclip de Lady Gaga

A Illa das Bonecas atópase nas canles de Xochimilco, ao sur da Cidade de México. (Foto: Esparta Palma)
Non moi lonxe da Cidade de México, atópase esta illa que parece saída dun pesadelo.

A cantante estadounidense Lady Gaga estreou esta cuarta feira novo videoclip. Trátase da canción The Dead Dance e está dirixido por Tim Burton, aínda que o máis novidoso é que foi gravado na Illa das Bonecas, un dos lugares máis enigmáticos de México.

Situado nas canles de Xochimilco, ao sur da capital, este lugar caracterízase precisamente por albergar miles de bonecas deterioradas polo tempo clima en toda a súa extensión, que fan da illa un lugar verdadeiramente terrorífico.

Non moi lonxe da Cidade de México, atópase esta illa que parece saída dun pesadelo. Colgadas das árbores, miles de bonecas vellas, mutiladas e desgastadas pola intemperie, observan en silencio a quen se atreve a visitar o lugar.

A orixe da Illa das Bonecas, tal como se lle coñece, remóntase á década de 1950, cando Julián Santana, un campesiño que vivía na zona, comezou a colgar bonecas para escorrentar ao espírito dunha nena que, segundo a lenda, morrera afogada nas augas próximas.

O achado do cadáver da nena, xunto a unha boneca flotando entre os lirios, marcou profundamente a Santana. Desde entón asegurou percibir fenómenos estraños como queixumes, pasos invisíbeis, presenzas que o axexaban na illa, segundo conta un artigo de National Geographic.

Para protexerse, o campesiño recollía pola cidade bonecas refugadas e colgábaas sen importar o seu estado, creando unha paisaxe cada vez máis inquietante. O que ao principio foi un ritual persoal terminou converténdose nun santuario macabro que atraeu persoas curiosas e, co tempo, turistas de todo o mundo.

Turismo tétrico

Santana permitía as visitas cunha condición, que cada visitante levase unha boneca como ofrenda. Así, a colección creceu até cubrir toda a illa. Segundo se conta, a súa obsesión terminou de selar a lenda en 2001, cando morreu dun infarto xusto no mesmo lugar onde fora atopada a nena afogada décadas atrás. O seu sobriño Anastasio asegurou que pouco antes Julián confesou ser atacado por unha sirena que quixo arrastralo á auga, e que el a espantou cantando unha melodía.

Tras a morte de Julián, Anastasio herdou a illa e continuou colgando bonecas como homenaxe. Hoxe, o sitio conserva a atmosfera sinistra que o converteu en destino de culto para os amantes do terror e o paranormal. As visitantes, ademais de percorrer os carreiros vixiados por bonecas sen ollos ou con membros arrincados, poden entrar a un pequeno museo onde se exhibe a favorita de Santana, coñecida como 'Agustinita'.

Un dos visitantes máis soados que recibiu a Illa das Bonecas foi o cineasta Tim Burton, lembra AD Magazine. En 2012, o director viaxou até Xochimilco para percorrela en persoa. Segundo transcendeu, quedou fascinado pola atmosfera do lugar, que describiu como "horríbel" e, ao mesmo tempo, profundamente ligado ao cotián na vida mexicana.

Tanto lle atraeu a atmosfera do sitio que, este ano, Burton gravou alí un videoclip da cantante Lady Gaga, para a súa canción The dead dance (A danza da morte). Convertida en atractivo turístico e en escenario de rutas paranormais, a Illa das Bonecas segue sendo un lugar único no mundo grazas a unha das lendas urbanas máis inquietantes.