CERTAME DE ÁLBUM ILUSTRADO

A “historia de amor” entre unha nena e o seu amigo animal conquista o Premio Compostela

Mariann Máray, durante unha improvisada sinatura de libros logo do acto de entrega de premios (Arxina)

A artista maxiar Mariaan Maráy recibiu o galardón pola obra O can de Milu, nun acto que tivo lugar no Pazo de Raxoi e ao que asistiron, entre outros, o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e o editor de Kalandraka, Xosé Ballesteros

Quen non soñou, sendo un cativo, con ter un canciño de seu? Un amigo para toda a vida, con quen facer falcatruadas, ir de paseo e xogar toda a tarde á volta da escola.

Ese era tamén o anhelo de Milu, unha neniña á que lle gustaban os cans. Todos. Altos, baixos, gordos ou fracos, pequenos ou grandes. Un bo día, Milu atopou abandonado na rúa un bechiño grande e peludo, ao que adoptaría e chamaría Peluso. Pero Peluso non era un can calquera...

Ese é o postulado inicial de O can de Milu, a obra gañadora da XII edición do Premio Compostela de Álbum Ilustrado. Escrito e debuxado pola húngara Mariaan Maráy e traducido por Manuela Rodríguez, a artista maxiar recolleu o premio desenvolvido conxuntamente por Kalandraka e o Departamento de Educación do Concello de Compostela nun acto que tivo lugar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.

Maráy, que realizou a súa intervención na súa lingua nai, definiu O can de Milu como “unha historia de amor”, e revelou que o libro está baseado nunha noticia real acontecida na China que leu non xornal. Ademais, fixo unha piscadela á editora do volume, sinalando que no seu idioma natal Kalan significa aventura, que é o que viven as protagonistas da súa obra.

O editor e co fundador de Kalandraka, Xosé Ballesteros, destacou a paleta de cores empregada por Mariaan Máray, así como o seu estilo naif, e cualificouna de “herdeira dunha longa estirpe de ilustradores maxiares”.

Instantes despois Ballesteros protagonizaría o momento máis emotivo do evento, emocionándose ao lembrar o desaparecido Xosé Manuel Rodríguez Abella, pedagogo municipal e xefe do Departamento Municipal de Educación, desde o que impulsou xunto con Kalandraka a Campaña de Animación á Lectura e o propio Premio Compostela de Álbum Ilustrado.

Xosé Antonio Sánchez Bugallo tamén se uniu á improvisada “homenaxe” a Rodríguez Abella, nas súas propias palabras. O alcalde de Santiago de Compostela, que foi o encargado de pechar o acto, resaltou a “calidade” do álbum editado por Kalandraka, declarouse “amante dos animais, en especial dos cans” e explicou que sen eles “a nosa vida sería infinitamente máis pobre”.