O rock de Heredeiros da Crus, os seráns e Isaac Díaz Pardo, no 'Sermos Galiza' deste sábado

collage-sermos

Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 29 de marzo, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques.

Nós Diario regresa este sábado aos quiosques cunha nova entrega do semanario Sermos Galiza que dedica as primeiras páxinas ao Día das Artes Galegas. Esta terza feira, 1 de abril, a Academia Galega de Belas Artes festexa este día dedicado en 2025 ao creador de formas Isaac Díaz Pardo.

“Ese Isaac Díaz Pardo –compostelán nacido na Casa da Tumbona da rúa das Hortas un 22 de agosto de 1920 e que morre na Coruña un día dos Magos de 2012– o que as sabe todas, que non para, que todo o que toca convérteo en arte, teimoso en servir á sociedade e a Galiza, en transmitir un legado que vai máis aló da Arte para a diletancia”, escribe Felipe-Senén Gómez.

Rock medicinal

Yuri Carrazoni Mier, subdirector de Nós Diario, entrevista para Sermos Galiza dous integrantes dunha das bandas “máis jrandes”, Heredeiros da Crus, que regresan aos escenarios con Trankimasín.

Toñito de Poi e Fran Velo visitaron a redacción de Nós Diario para debullar este novo proxecto, que definen como “unha viaxe”. “Se estás todo o tempo arria mal, e se estás sempre abaixo fatal. Para iso xa está Álex Ubago”, afirma Velo nesta entrevista que protagoniza a capa do Sermos Galiza deste sábado.

Trankimasín é un disco diferente aos anteriores da banda, que leva máis de tres décadas tocando, mais a esencia, afirman, “está aí, e é o que ten que ser”. “Ti segues un grupo e queres ese estilo, pero ao mesmo tempo que che sorprenda un pouco, e creo que o conseguimos na maioría dos temas”.

Imos de serán

No ano en que as Letras Galegas conmemoran a poesía popular oral e as cantareiras que permitiron que tan inmenso legado chegase até nós, Antón Escuredo achéganos neste Sermos Galiza ao mundo dos seráns, cunha “viaxe ao epicentro dos encontros populares de música e baile tradicionais” nunha reportaxe que inclúe unha relación dos vindeiros seráns para que non perdas nada.

Os seráns, recuperados a comezos dos 90, forneceron durante todos estes anos os grupos folclóricos e formacións musicais e mesmo espalláronse fóra do ámbito rural adaptándose aos novos tempos. O seu futuro, afirman, está máis que asegurado.

Libros, música e cinema

Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos dous títulos novos para ampliar a lista de lecturas. Contos gringos (Galaxia), de Lara Dopazo, e A profecía do armadillo (Rinoceronte), de Zerocalcare, son as súas escollas, un conxunto de relatos ambientados en Norteamérica e nos que conviven as persoas e seres máis radicalmente opostas, e unha novela gráfica que narra a vida do propio autor, Michele Rech, coñecido como Zerocalcare.

Olga Brañas detívose a escoitar A palabra prefecta  de Anxo Xesteira, un traballo discográfico “tremendamente ecléctico” no que o músico de Treixadura, de Son de Seu e dos Xesteira se rodeou de colaboracións como Itziar Solla, Antonio Giganto ou Isi Báulo. Pola súa parte, César Morán fálanos de Leo Middea, cantante e compositor brasileiro que fusiona a música popular do Brasil cos son globais. Ofreceu na Sala Mardi Gras da Coruña un concerto que, en palabras de Morán, foi “música ao vivo para degustar em harmonia, sem nada falso”.

Entre todos os títulos que locen na carteleira esta fin de semana, Andrés Castro escolleu Mickey 17, de Bong Joon-ho, un filme que adapta a novela de ciencia ficción de Edward Ashton sobre un tipo “prescindíbel” utilizado para ser carne de canón.

Xa nas páxinas finais do Sermos deste 29 de marzo, Sole Felloza fai camiño por Valdeorras, co seu viño e as súas paisaxes. Lázaro Armental lévanos á Coruña “pública”, resultado da loita histórica polo dereito á cidade e que se plasma nos mapas que resultan do proxecto A Coruña Pública.

E antes dos pasatempos que matinaron Xerardo R. Roca máis Xoán Costa, unha nova entrega das Faíscas Merliniás de Héitor Picallo, que desta vez nos achegan de novo ao rei Flualís.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 29 de marzo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,40 euros!