Henrique Harguindey, o lume que extingue o baleiro e a memoria dos ourives, no 'Sermos Galiza'

Detalles do 'Sermos Galiza' que se publicará este sábado, 30 de novembro.
Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 30 de novemebro, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques. 

Nós Diario regresa este sábado aos quiosques cunha nova entrega do semanario Sermos Galiza e da serie 'Habitar o baleiro', que asinan Manolo broa e Cláudia Morán canda as fotografías de Brais Lorenzo. Desta volta o seu relato detense no "baleiro que arde", no lume que cada ano asedia aldeas e quilómetros de monte con voracidade.

Máis dunha ducia de imaxes ilustran a crueldade dos incendios forestais na última década nas comarcas de Valdeorras, Verín e A Baixa Limia, mais tamén en territorios veciños de  Portugal ou Zamora... Porén, comprender a desfeita que deixan atrás exixe unha mirada máis ampla que nos devolve ao século pasado e que obriga a pensar nas repoboacións forestais do franquismo, nos usos do monte, nas mudanzas da paisaxe e nas políticas de extinción.

Historias rescatadas da Galiza

Héitor Picallo entrevista Henrique Harguindey Banet, que vén de traducir ao galego as coñecidas Chroniques do autor flamengo-borgoñón Jean Froissart; personaxe cuxa biografía se circunscribe en boa parte á época na que ten lugar a Guerra dos Cen Anos.

Crónica da Galiza no século XIV (Companha Editora), é o título que escolleu para a versión galega da obra de Froissart, cuxas palabras, "algunhas", precisa Harguindey, "foron reproducidas de xeito incorrecto, e non só como froito desa visión españolista, senón tamén do desleixo intelectual".

O seu labor de tradución, de numerosos textos das literaturas francesa, bretoa ou valoa, entroutras, axiña se dirixiu cara a época medieval. "Eu estaba sensibilizado coa creación dunha conciencia nacional e coa normalización do galego, resulta lóxico que os meus traballos se dirixisen á socialización deste obxectivo", di, que tamén se recoñece nesta nova achega que as persoas subscritoras de Nós Diario poden adquirir polo prezo de 9 euros, ao incluír un desconto especial de 40%.

Artesanía medieval

O Sermos deste sábado tamén se detén no no oficio máis antigo de Santiago de Compostela, unido ao nacemento da Catedral no século IX, a ourivaría. Antón Escuredo debulla coa axuda de tres voces imprescindíbeis deste traballo artesanal na cidade, Manuel Dávila García, Julio Lado Martínez e Ricardo Rivas Casal, a evolución dunha profesión que non se entendería hoxe sen a tradición dos gremios dos prateiros, cambeadores, acibecheiros que creceron arredor do culto e a peregrinación.

Libros, música e cinema

Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos novas propostas literarias para ampliar a lista de lecturas. De óxido e diamantes (Galaxia), de Míriam Couceiro Castro, que se estrean no xénero da novela cunha homenaxe a Joan Baez a través do título do seu libro, é a escolla de Xesteira. Barreiro proponnos un éxito de vendas en banda deseñada: Heartstopper, de Alice Oseman, unha historia que toca a diversidade, o amor adolescente, a homofobia e o acoso escolar e que triunfa entre o público máis novo, agora en galego publicada por Xerais.

A música tradicional enche dúas páxinas asinadas por Olga Brañas, que nos presenta o último dos Carunchos, que cantan a Manuel María en Unha gorxa chea de paxaros, e Álvaro Rodríguez Carballo, que repasa o legado feminista da música galega.

Entre todos os títulos que locen na carteleira esta fin de semana, Andrés Castro escolleu Gladiator II, un filme asinado por Ridley Scott que esperta as críticas máis apaixonadas coa mirada sempre posta na primeira entrega do ano 2000.

Arte e patrimonio

Xa nas páxinas finais do Sermos deste 30 de novembro, Sole Felloza lévanos de Santos a Nadal a través de contos e amuletos, sempre seguindo a pista do patrimonio oral. Lázaro Armental fainos reparar nos espazos de xogo das nosas vilas e cidades, instalacións deportivas que non sempre semellan integradas nos espazos que as acollen. E antes dos pasatempos que matinaron Xerardo R. Roca máis Xoán Costa, Pepe Barro rescata un vello cartaz de Lámpadas Iria para pór luz sobre o deseño galego.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 30 de novembro, acompañando o xornal Nós Diario. 32 páxinas por só 3,20 euros!