"Entre a vontade e o destino": Henrique Costas segue novelando a Idade Media peninsular
O Catedrático de Filoloxía Galega Xosé Henrique Costas vén de publicar, en Edicións Morgante, Entre a vontade e o destino, a segunda parte da súa triloxía "Banu Marwán: a estirpe do galego", un relato histórico que transcorre na Galiza e na Hispania dos séculos VIII e IX e cuxo protagonista é un personaxe real, o muladí Muhammad ibn Marwán, 'O Galego', fundador de Badallouce [Badajoz] e o primeiro señor en levar colonos galegos ao val do Ellas.
Costas, de feito, é coñecido por prestarlle unha especial atención ao galego do Val de Ellas (Estremadura) e por ser o gran valedor da fala na que se expresa a veciñanza dos tres lugares: Ellas, San Martiño e Valverdi.
Malia ter publicado numerosos libros e artigos científicos sobre dialectoloxía e sociolingüística, e edicións de literatura galega -especialmente de Cunqueiro, outra das súas especialidades-, a triloxía Banu Marwán é a súa primeira incursión na novela histórica. Nela, trata de desafiar os tópicos da historiografía española canónica, para presentar unha panorámica da idade media peninsular máis acorde co que os novos estudos van descubrindo sobre o papel do Reino da Galiza na historia daquel período.
Nesta segunda entrega, Marwán, fillo de Ianes O Galego, comeza unha nova vida acollido polos xudeus de Munt Sáluti ata que emprende camiño a Mérida. Alí, grazas aos seus contactos e á súa competencia, entra ao servizo da administración amiral e vai subindo na escala ata chegar a ser nomeado valí ou gobernador dunha cidade adoito insubmisa e levantadiza contra o poder de Córdoba.