'Grande e pequena' é o álbum ilustrado gañador do Premio Compostela
A autora milanesa Arianna Squilloni e a ilustradora madrileña Raquel Catalina Ledesma son as gañadoras do XVIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados cun proxecto titulado Grande e pequena. A obra A espera, de María Paz García Finch, de Santiago de Chile, recibiu unha mención especial por parte do xurado.
Organizado polo Concello de Santiago e a editorial Kalandraka, o premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e implica a publicación da obra gañadora en galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués.
Grande e pequena impúxose nunha edición do premio á que se presentaron 288 proxectos, 70 máis que á anterior edición, procedentes de 16 países: Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, Estados Unidos, Francia, Honduras, Israel, Italia, México, Perú, Polonia, Portugal e Turquía.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, comunicou a boa nova ás gañadores e salientou que estamos ante "un premio consolidado", como se pode ver pola calidade, o número dos proxectos e a variedade de países de procedencia das obras. "Agardamos que este álbum contribúa a seguir nutrindo esta colección para desfrute de todo o mundo", engadiu.
O xurado destacou que se trata dun traballo que "o texto e a ilustración se complementan de forma harmónica". Segundo o fallo, na súa composición narrativa resaltan os silencios que amplían a capacidade da persoa lectora para reflexionar sobre a viaxe vital da protagonista, unha anciá que regresa da cidade ao campo. "Plasticamente resalta polo uso contido da paleta cromática, en contraste co tratamento do branco e negro. A diversidade de enfoques, perspectivas e a secuencia de imaxes redondean o tratamento técnico desta obra", subliña.