Galiza Cultura leva a obra de Pepe Carreiro a Compostela

Inauguración da exposición de Pepe Carreiro, este 2 de xuño, en Compostela. (Foto: Arxina)
Unha exposición resume 40 anos de traxectoria do popular debuxante e ilustrador

A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, dentro da programación de actividades que desenvolve este ano, inaugurou onte unha nova parada da exposición Humor para mudar o mundo. Que graza! de Pepe Carreiro, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, na cidade de Compostela.

Coa axuda das entidades federadas compostelás AC O Galo e AC e M Solfa, e coa colaboración do Concello de Santiago, Galiza Cultura dá así continuidade á itinerancia desta mostra de Carreiro, un satírico xa clásico que arremeteu contra todos os poderes, pero que será especialmente lembrado polas súas demoledoras viñetas contra o Goberno da Xunta da Galiza –e o PP galego– durante a presidencia de Manuel Fraga (1990-2005). Pódese atopar unha escolma no libro Fraga na Galiza (Laiovento, 1997). Publicadas en La Voz de Galicia e na edición galega de El Mundo (Galicia) –ademais de en A Nosa Terra, Can sen Dono ou Xo!, entre outras, foron "as mellores viñetas satíricas da prensa estatal", segundo ten declarado o seu colega Siro.

A estancia na cidade compostelá, constitúe a terceira parada desta mostra que previamente xa se presentou nas cidades da Coruña e de Lugo, conformándose coma unha das citas culturais deste primeiro semestre do ano.

As obras e creacións de Pepe Carreiro, actual colaborador de Nós Diario e un dos debuxantes galegos máis relevantes dos últimos 40 anos, está conformada por 50 cadros que nos achegan a súa visión da realidade social galega expresada con toda a súa naturalidade e sempre desde unha perspectiva crítica e reflexiva, conformando un compendio de todos estes anos de traxectoria profesional.

Declaración de intencións

O propio título da mostra é toda unha declaración de intencións e recolle moi ben o que pretende o creador, coa súa forza creativa, nas súas dúas sentencias que titulan a mostra: unha primeira, frase en serio e pretensiosa (Humor para mudar o mundo), que logo, na segunda, cunha contestación burleira (Que graza!) rebaixa as ínfulas da primeira parte e lle dá un baño de realidade.

A mostra fechará o seu calendario o día 30 deste propio mes de xuño para seguir a súa itinerancia por outras cidades e vilas do país.