Galiza Cultura leva á escena a mirada do ollo de vidro de Castelao

Lectura dramatizada de 'Un ollo de vidro', este 31 de outubro na Coruña. (Foto: Nós Diario)

A Federación Galiza Cultura converte o Samaín nunha auténtica festa da palabra e da identidade galega. Desde esta sexta feira, asociacións culturais organizan lecturas dramatizadas, representacións teatrais e magostos arredor de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, de Daniel Castelao, nun proxecto que combina tradición, crítica e humor.

Por terceiro ano consecutivo, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura organiza representacións e lecturas dramatizadas de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, escrito por Daniel Castelao e publicado na editorial Céltiga en 1922. A primeira foi esta sexta feira, no Centro Sociocultural Ágora da Coruña, cunha lectura teatralizada de Un ollo de vidro e un magosto popular organizado coa colaboración da Asociación Os Mariñeiros. No evento participaron numerosas entidades locais, como a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Tempo Novo, O Facho, Roxín Roxal e a Asociación Veciñal Agra do Orzán.

O presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril, explica a Nós Diario que a cita da Coruña "é o punto de partida dunha celebración que queremos que se espalle por todo o país". O acto da Coruña, di, "non é unha representación fechada. Mais ben un convite a participar, a rir e reflexionar en comunidade. O magosto que acompaña a lectura era a expresión perfecta do que buscabamos: un encontro vivo entre literatura, humor e tradición popular", engade.

O Samaín galego esténdese polo país

A actividade non remata na Coruña. Galiza Cultura propuxo tecer unha rede de lecturas, encontros escénicos e accións culturais por toda Galiza, un mapa vivo da palabra que une vilas e cidades arredor de Castelao e do espírito do Samaín.

"En cada recuncho da nosa terra hai xente que quere celebrar o Samaín con sentido galego. Un ollo de vidro permítenos facelo desde o humor e a reflexión. Non se trata de competir co que vén de fóra, senón de encher de contido e de identidade o que xa é noso", explica Xosé Manuel Carril.

Así, á Coruña sumaranse Santiago de Compostela, Ferrol, Betanzos e Gondomar como lugares escollidos para acoller novas representación, e as asociacións Agra, Alexandre Bóveda, O Facho, Tempo Novo, Roxín Roxal, O Galo, Solfa, Medulio e Centaurea, coordinadas pola Federación, son as encargadas de realizar estas actividades.

Ferrol e Gondomar collerán a remuda este sábado ás 18 e 19 horas, en Covas e na praza das Escolas Vellas (fronte á Casa da Cultura), respectivamente, con senllas lecturas. Xa para a semana que vén, na segunda feira 3 de novembro, o Teatro Principal de Compostela será o escenario escollido para unha nova representación a partir das 20 horas, baixando o pano a sala Xulio Cuns do Liceo de Betanzos, desde as 20 horas da quinta feira 6 de novembro, que acubillará esta lectura dramatizada.

Lectura dramatizada de 'Un ollo de vidro', este 31 de outubro na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Mais as actividades de Galiza Cultura non ficarán nunha data que xa non é só para o medo ou a parodia, senón para reivindicar o humor serio e a crítica social que fixeron de Castelao un dos autores máis lúcidos e necesarios da nosa historia. Aliás, a iniciativa terá continuidade: o próximo ano prevén editar outros textos vinculados á temática da morte e da identidade popular, como os de Leandro Carré Alvarellos, e traballan xa nun guión cinematográfico de Un ollo de vidro.

Un ollar crítico

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, cuxo facsímile agasallou esta sexta feira Nós Diario ás súas lectoras e aos seus lectores, é un relato místico que describe unha sociedade de ánimas no alén co escenario de fondo dun camposanto e o seu decorrer cotián, é unha metáfora empregada para describir a sociedade galega na que vivía Castelao e narrada desde a perspectiva dun defunto grazas a un ollo de vidro convertido nun instrumento que serve como un visor da súa mortaldade nunha simulada continuación da vida.

"Con esta crónica do día a día das ánimas e de como se estabelecen as relacións no camposanto, logo de os abrazar a morte, Castelao fai unha descrición social e política, das grandes inxustizas sociais, das relacións de clase e das profundas desigualdades económicas que existían na Galiza de principios do século XX", destacan desde Galiza Cultura.

"Mediante a metáfora, Castelao elabora un relato costumista e conéctao directamente cun dos nosos acervos culturais máis arraigados: a relación cos nosos defuntos e a cultura ao redor da morte. E un relato que incluso hoxe en día segue vixente para describir á sociedade actual e que amosa o amplo e profundo coñecemento que Castelao posuía do país", sinalan desde a federación de asociacións culturais.

Mais esta obra non só fala da situación social da Galiza de 1922. Un ollo de vidro funciona como un espello deformador que devolve unha imaxe do país cargada de verdade. "A obra toca temas que seguen a ser actuais: a cidade fronte ao campo, as loitas agrarias, o caciquismo, o poder e a falsidade", explicaba esta semana a Nós Diario o presidente da Federación Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril. "Mais faino sen amargura nin macabrismo. Castelao non se recrea no sinistro; convérteo en materia de reflexión. O ollo que en vida non servía para nada, na morte veo todo. Esa é a gran lección: cando xa non temos nada que perder é cando realmente vemos o mundo con claridade".

Manter a identidade: Castelao como fío común e unha tradición que se renova

O presidente da Federación Galiza Cultura destaca que o humor galego, lonxe de ser un divertimento superficial, é unha ferramenta de pensamento: “Queremos que o Samaín deixe de ser só un día de disfraces e se converta nun momento para reconectar coas nosas historias, co humor de Castelao e coa forma galega de mirar a morte e a vida”. Insiste Carril en que a proposta de Galiza Cultura busca devolverlle á data o seu sentido máis fondo e colectivo. O proxecto pretende consolidarse nos próximos anos como un ciclo cultural permanente, que combine lectura, teatro e tradición oral. “Cada 31 de outubro queremos ter lecturas en todo o país. Igual que celebramos o Día das Letras Galegas ou o Día da Patria Galega, o Samaín pode ser tamén un día para ler, rir e pensar en galego”, explica Carril. “O que queremos é que a cultura galega recupere o espazo que lle corresponde no calendario e no corazón da xente. Ler Castelao no Samaín é unha maneira fermosa de lembrar quen somos e como queremos mirar o mundo”, conclúe.

Este outono, toda Galiza encheuse de palabra, retranca e lume, coa voz de Castelao como guía. Porque rir e pensar en galego segue a ser, máis ca nunca, unha forma de manter viva a nosa identidade.

Cultura popular 

Procesión das ánimas en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

Esta sexta feiracomezaron actividades en varios concellos da Galiza para reivindicar a cultura popular, como en San Sadurniño ou 'O Allariz de Medo', con actividades de teatro, música e audiovisual que mergullan o público no mundo dos defuntos e das ánimas. En Lugo hai actividades de animación nas rúas, coa actuación do Bloco Meigallo e a Tambukda. En Pontevedra, o Concello organizou esta sexta feira a Noite dos Calacús, cunha procesión de ánimas e obradoiros de maquillaxe para participar dela. Aliás, hai talleres de cociña de Pan de Ánimas. En Soutomaior, o ramo porao unha sesión de cinema de terror esta fin de semana.