CINEMA

O galego Eloy Enciso, premio da crítica no Festival de Locarno por “Longa Noite”

[Imaxe: dafimfestival] Eloy Enciso

Un total de 16 películas aspiraban ao premio da crítica do Festival de Locarno, en Suíza. Un prestixioso certame do que saíu vitorioso o cineasta galego Eloy Enciso co filme Longa Noite.

Silencios e feridas, ocultacións e certa poética do desarraigo protagonizan un filme en que a maior parte dos actores e actrices non son profesionais. Longa Noite, o último filme de Eloy Enciso, vén de lle dar un novo premio ao cinema galego: o da crítica, que outorga a Asociación da Crítica de Cinema Independente do prestixioso Festival de Locarno, en Suíza.

Non é a primeira vez que Enciso asiste a Locarno. A súa anterior longa, Arraianos, estreárase na sección paralela Cineastas do presente. De Longa Noite, construída a partir de textos literarios de Ramón de ValenzuelaMax AubJenaro Marinhas del Valle ou Alfonso Sastre, a organización do certame salientou a capacidade por “afondar nos pregos a memoria e da historia co fin de sacar á luz os perpetuos mecanismos da opresión e a dominación”.

Após Locarno, Longa Noite proxectarase no Festival de Toronto, que suma 44 edicións, e no de Nova York, que suma 57. Na Galiza, estrearase en Numax o 5 de decembro.

Nado en Meira, Enciso graduouse en Ciencias Ambientais e posteriormente estudou dirección de documentario na Escola Internacional de Cine de San Antonio dos Baños, en Cuba. Logo das súas primeiras curtas, estreou a súa longa Pic-nic. Con Arraianos (2012) percorreu festivais de referencia internacional como a Viennale, Doclisboa, Montreal, BACIFI ou Sevilla.