Fransy leva o seu 'Manhe' ao Teatro Colón co son ao vivo da Orquestra de Cámara Galega

Fransy González. (Foto: Cris Andina)

A cantareira presenta no escenario coruñés a súa primeira proposta como solista na que estará acompañada de Pedro Lamas e a Orquestra de Cámara Galega, entre outros artistas convidados.

O domingo 23 de novembro, a partir das 19 horas, o Teatro Colón da Coruña acollerá un concerto único e irrepetíbel: Manhe. O son ao vivo dunha orquestra de corda con máis de 20 músicos arrolará a voz e percusións de Fransy nun espectáculo no que se pretende elevar a música tradicional galega ao lugar que lle corresponde nun coidado e novidoso formato.

Fransy González (Grenoble, Francia, 1972) leva toda a vida recollendo a música das aldeas para agasallarnos os seus froitos cunha voz inconfundíbel. Manhe é un paso á fronte na súa carreira, xa que será a primeira vez na que asuma o liderado e o papel de solista. Un proxecto a peito descuberto.

A música de raíz, á que Fransy leva tres décadas dedicando a súa carreira artística e docente, confluirá nunha conxunción marabillosa co son da Orquestra de Cámara Galega e o saxo soprano de Pedro Lamas, responsábel tamén dos arranxos e da dirección musical.

Con Fransy á fronte, unha grande orquestra de corda arrola as nosas músicas máis auténticas con mimo e paixón, elegancia e forza. Unha soa voz e unha grande orquestra que conversan e latexan xuntos en Manhe.

Este concerto que acollerá o Teatro Colón está organizado polo Concello da Coruña e a Deputación da Coruña. As entradas para acudir a xa están á venda en A Taquilla.

Tres décadas de traxectoria ligada á música de raíz

Fransy é unha das voces máis destacadas da música tradicional de Galicia. Acumula máis de tres décadas dedicadas á investigación e compilación dos cantos de raíz en toda a xeografía galega, con especial atención á comarca de Bergantiños.

Esta traxectoria é un referente ineludíbel e está estreitamente ligada á Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo, da cal foi fundadora e directora durante diferentes etapas da Escola de música e baile tradicionais.

Fransy leva representando a nosa música durante máis de 30 anos participando en xiras internacionais e colaborando en concertos ao vivo e gravacións discográficas para artistas como Carlos Núñez, Erik Marchand, Andrea Pisu, Elsa Corre, o Ars Nova Ensemble ou Dulce Pontes.

En 2019 inicia un proxecto na Galiza xunto a Davide Salvado e en 2021 é convidada polo compositor e produtor CRNDS para a gravación do seu primeiro traballo en solitario.