A forte pegada de Castelao en Vigo

A exposición 'Impresións de Castelao en Vigo' pode visitarse na Pinacoteca Fernández del Riego. (Foto: José Luis Mateo Álvarez)

A mostra Impresións de Castelao en Vigo, que se pode visitar na Pinacoteca Fernández del Riego, mostra a profunda relación do artista, e da súa obra, co mundo editorial e político vigués. A través de debuxos, xornais, e todo tipo de documentos, esta exposición revela a pegada duradeira de Castelao, que resiste ao tempo, na cidade.

Impresións de Castelao en Vigo é o título da exposición que pode verse este verán na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e que se suma aos actos de conmemoración do 75 aniversario do pasamento de Castelao. A mostra céntrase nas múltiples vinculacións que o artista, político e intelectual rianxeiro mantivo coa cidade olívica, facendo especial fincapé no seu papel como capital editorial da Galiza e na súa relevancia como lugar de irradiación cultural e política.

A través dunha estrutura cronolóxica e visualmente dinámica, deseñada polo equipo de Desoños, a exposición ofrece ao visitante unha inmersión na Vigo dos anos centrais do século XX. A mostra, producida polo Concello de Vigo, emprega fondos artísticos, editoriais e documentais procedentes de coleccións públicas do Museo Municipal Quiñones de León e con recursos da Fundación Penzol, a Escola de Artes e Oficios e a Colección Fernández del Riego. Tamén se mostran pezas pouco coñecidas, como caricaturas de coleccións privadas e a primeira obra asinada por Castelao, un vidro pintado no ano 1902 e gardado durante anos por Fernández del Riego.

Para os comisarios, Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, e o historiador da arte José Luis Mateo Álvarez, “esta exposición é unha homenaxe merecida” que resalta a importancia de Vigo como epicentro da edición e da resistencia cultural durante e tras a ditadura. “Debémoslle moito a Castelao, e tamén á cidade que soubo gardar, publicar e difundir a súa obra”, apunta Seixas a Nós Diario.

Desde os seus primeiros pasos como humorista gráfico, Castelao contou coa prensa viguesa como canle de expresión. Xa en 1909, coa revista Vida Gallega, vinculada á emigración e financiada en parte polo Goberno brasileiro, iniciou unha relación que se mantería durante décadas. “Foi en Vigo onde os seus debuxos se fixeron populares”, explica Mateo a Nós Diario. Posteriormente, colaborou en Galicia, xornal dirixido por Valentín Paz Andrade, e tamén en Faro de Vigo, onde a súa produción gráfica adoptou un ton máis reflexivo. Entre 1924 e 1926, participou tamén no El Pueblo Gallego, un dos medios máis influentes do momento, chegando a publicar relatos literarios ilustrados.

Vigo era tamén punto de tránsito obrigado: lugar de saída e retorno da emigración, sede de visitas médicas pola súa doenza visual, cidade dos seus cuñados e tamén espazo de intensa actividade política e cultural. A mostra recolle episodios como a súa intervención no teatro García Barbón, o seu contacto coa Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra para debuxar os achádegos do Castro de Vigo, ou a carta enviada ao alcalde Pérez Vioti, onde reclamaba a protección dese mesmo espazo como parque público.

Tamén se recupera a memoria dos cafés da cidade, como o Berdy, que foron puntos de encontro e exposición. Outro aspecto salientable é a súa relación con figuras locais como o arquitecto Gómez Román ou o médico Ramón González Sierra, a quen dedicou varios debuxos.

Outro dos fíos condutores da exposición é a resistencia editorial. Desde a década de 1940, co franquismo instaurado, foron as editoriais viguesas —como Galaxia, Castrelos ou Monterrei Edicións— as que asumiron o reto de publicar a súa obra. A edición de Os vellos non deben de namorarse ou as Obras Completas tiveron en Vigo un punto de apoio esencial. Mesmo houbo tentativas valentes, como a do libreiro Patiño da libraría Librouro, que intentou editar Sempre en Galiza sen éxito pola censura franquista.

A exposición compleméntase con xornadas de divulgación, roteiros urbanos e paneis informativos que localizan os espazos significativos da cidade na vida de Castelao: desde a redacción de Galicia ao teatro García Barbón, pasando por locais como o Casino ou as sedes das sociedades culturais que o acolleron.

Con esta exposición, Vigo reitera a súa función como memoria viva do galeguismo. Porque, tal e como di Seixas, “Castelao sempre volveu a Vigo, xa fose con textos, debuxos ou xuntanzas; esta mostra é unha homenaxe a esa fidelidade mutua”. E, ao mesmo tempo, móstrase o compromiso dunha cidade que, malia os silencios impostos pola ditadura, nunca deixou de imprimir a pegada de Castelao.

'A traxedia de Xirobio', un fime rodado en Vigo e baseado en dúas historias de 'Cousas'

Unha das pezas máis singulares da mostra é a proxección restaurada de A traxedia de Xirobio, un filme rodado en Vigo no ano 1930 polo cineasta José Signo, amigo de Castelao. Baseado en dúas historias de Cousas, o filme constitúe un documento visual e etnográfico de gran valor, xa que recrea os entroidos vigueses e os personaxes dos “merdeiros”, cuxa tradición foi recuperada en 2016 pola Asociación A Merdeira sen coñecer daquela a existencia desta película.