O filme 'Antes de nós' fecha o ciclo sobre Castelao na USC

Cristina Iglesias e Xoán Fórneas, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
Debate ao redor da fita de Ángeles Huerta

A Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela (USC) fechou esta quinta feira o ciclo de palestras ao redor da figura de Daniel Castelao desenvolvido desde o pasado 30 de outubro. Nas tres mesas redondas anteriores analizáronse a esfera literaria, artística e política do dirixente nacionalista falecido no exilio, en Arxentina, hai 75 anos, deixando para esta quinta feira un debate ao redor do filme de Ángeles Huerta Antes de nós.

O acto, desenvolvido no salón de actos da Facultade de Filoloxía e moderado polo director da Cátedra Castelao, Henrique Monteagudo, contou coa participación da directora do filme, da súa produtora, Zaza Ceballos, e dos actores protagonistas da obra, Xoán Fórneas e Cristina Iglesias.

En declaracións a Nós Diario antes do comezo do coloquio, Ángeles Huerta puxo de manifesto que "agardo, agora que está rematando o ano Castelao, que o noso filme contribuíse a espallar a súa figura e sobre todo entre a xente nova".

Neste punto, asegurou que "sabemos que houbo moita xente moza que se achegou a Castelao e debateu sobre el, nas redes sociais, por este filme" e destacou a boa recepción da obra entre a mocidade.

A directora de Antes de nós explicou que "Castelao é mais que un home, é un ser histórico, polo tanto o filme é unha conversa aberta sobre Galiza". Así, Huerta indicou que "o noso compromiso como artistas non é coa realidade, senón coa verdade, porque nós non somos arquiveiros". A cineasta destacou, ademais, a escolla do contexto en que se desenvolve filme, porque "falar dun Castelao mozo é falar dun Castelao no que todo é futuro".

 

O tempo histórico da película

O filme Antes de nós desenvólvese en dous momentos históricos, 1918 e 1929. No primeiro deses anos, Daniel Castelao trasládase de Pontevedra a Rianxo para axudar a veciñanza da súa vila natal na epidemia de gripe e acode a Lugo á I Asemblea Nacionalista organizada polas Irmandades da Fala.

Pola súa parte, en 1929, visita Bretaña para estudar os cruceiros, nunha viaxe marcada pola dor profunda provocada pola perda do seu único fillo, só dous antes da fundación do Partido Galeguista, cando comezaba a albiscarse a crise da ditadura de Primo de Rivera.