Figuras sobranceiras do deseño mostran os seus proxectos na Galicia Design Week
A Galicia Design Week despídese este sábado cunha xornada 100% feminina e con figuras recoñecidas a nivel internacional que presentarán os seus proxectos máis recentes. Esta sexta feira, na apertura da liña PRO, déronse a coñecer as propostas gañadoras do primeiro concurso de deseño de mobiliario para novas creadoras.
A xornada deste sábado comezará ás 10.30 horas no Espazo Avenida Abanca da Coruña e terá como primeiro protagonista o novo deseño galego, un dos eixos do festival. Participarán a coruñesa Irene Cotelo, directora creativa do estudio Cotbar; María Candamo, impulsora de Lixo, o proxecto de artesanía deseño e transformación de residuos que os converte en xoias únicas; a guardesa Amalia Puga, quen dará a coñecer Proxecto Bolina, unha iniciativa de mobiliario creada en colaboración das redeiras da Asociación Atalaia, e Alba Vicario; de Aldea, un proxecto que une novas tecnoloxías con técnicas e formas artesanais.
A partir das 12.30 horas será a quenda doutras dúas galegas de proxección internacional: a multipremiada ilustradora Inma Hortas e a directora de escena, dramaturga e artista visual Marta Pazos, unha das creadoras máis influentes da vangarda escénica.
Ás 16 horas chegarán os pratos fortes da liña PRO: a directora de arte, tipógrafa, ilustradora e deseñadora e multipremiada Marta Cerdà, quen acaba de publicar o libro Sobrevivivr al diseño e a creativa e fotógrafa publicitaria Isabel Martínez, coñecida como Isabelita Virtual, que suma centos de miles de fieis nas redes sociais. Finalmente, Angie Bolea, da produtora audiovisual Canada, porá o ramo á programación PRO.
Por último, terán lugar as últimas accións Sessions, citas musicais que pretenden favorecer o encontro entre creadoras e asistentes ao finalizar cada xornada, a cargo de DJ Gulya, tamén ilustradora, quen estará acompañada das visuais de Héctor de la Puente, e de DJ Certain People, quen festexará o décimo aniversario do seu selo Certain Music.
Dúas exposicións
Ademais destas actividades, o público poderá visitar as dúas exhibicións da Galicia Design Week. A praza de Lugo acolle Designed in Galicia, unha mostra sobre unha instalación deseñada por parte do Grupo Malasa arredor do mellor deseño do país do último ano. E a avenida da Mariña é o punto no que se atopa #NovoDeseñoGalego, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or, que presenta o máis salientábel do talento emerxente galego.