O festival 'Encantos en Compostela' encherá de maxia e ilusión a cidade

Presentación do festival, onte. (Foto: Nós Diario)
A capital galega acollerá unha ampla programación entre o 10 e o 12 de outubro.

Compostela volverá encherse de ilusión coa segunda edición dos festival de maxia 'Encantos en Compostela', que se celebrará do 10 ao 12 de outubro. O festival busca ofrecer unha experiencia para todos os públicos combinando entretemento, participación e sorpresa. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou esta segunda feira na Casa do Concello a programación do festival, acompañada por Sara Rodríguez, Óscar Fernández e Eloy Fernández, por parte da organización.

O festival crece en extensión, saíndo do centro histórico e espallándose cara aos barrios e parroquias de Compostela para aumentar a accesibilidade. E faino tamén en inclusión e solidariedade, con actuacións no Hospital Clínico e nas residencias de maiores "para achegar a ilusión a residentes e visitantes".

Nesta segunda edición, o evento, dá un salto internacional traendo prestixiosos e galardoados  magos de fóra do país como Gonzalo Albiñana ou Axel Hecklau. Polas noites, a maxia transformará o centro urbano nun espazo de ilusión e de sorpresa coa celebración de sesións de maxia de perto, que forman parte do programa local 'Habelas Hainas'. Estas funcións, de acceso con entrada simbólica, permiten experimentar o ilusionismo a poucos centímetros, nun ambiente íntimo e envolvente, achegando o público a unha das expresións máis puras e fascinantes da maxia contemporánea.

'Encantos en Compostela' é unha iniciativa da compañía Maxia na Manga que conta co apoio do Concello de Santiago. Desde a súa primeira edición en 2024, o festival consolidouse como un referente cultural na cidade, promovendo a maxia como unha arte escénica accesíbel, inclusiva e familiar, e facendo de Compostela un espazo de encontro e de descubrimento para artistas e público de todas as idades.