O Festival Atlántica reúne nun mapa os seres míticos do imaxinario tradicional

Detalle do mapa. (Imaxe: Atlántica)
 A publicación recolle trinta e catro de seres míticos de todo o país.

O Mapa de seres máxicos do Reino da Galiza é xa unha realidade grazas ao Festival Atlántica. Esta celebración da diversidade do imaxinario tradicional galego materialízase no papel grazas ao traballo conxunto de Manuel Gago –xornalista, escritor, comisario de exposicións e director de culturagalega.gal– e Leandro Lamas –un dos ilustradores máis coñecidos do país–, responsábeis dos contidos e das ilustracións, respectivamente. O mapa estará á venda nas funcións do Festival Atlántica en Santiago de Compostela pero calquera persoa poderá adquirilo a través da web festivalatlantica.gal.

Alarbios, urcos, maruxainas, lobishomes, xigantes, xacias, trasnos... até completaren unha escolma de 34 personaxes fantásticos, aparecen representados nesta publicación que homenaxea o primeiro mapa do Reino da Galiza elaborado por Hernando de Oxea a principios do século XVII. 

O mapa inspírase tamén nos cartelóns dos cegos das feiras que, apoiados nas ilustracións, cantaban os seus romances. Chega acompañado dun folleto que explica a historia de cada un dos seres para facilitar o seu uso como soporte para a narración do noso imaxinario tradicional e a exploración do noso territorio nestes novos tempos.

Moitas das personaxes están asociadas ás localidades ou comarcas nas que se recolleron os mitos e outros pertencen ao acervo común da Galiza. O mapa reivindica a riqueza de figuras míticas da tradición oral galega e aposta pola diversidade da súa representación e mais pola recuperación de figuras de noso hoxe desaparecidas da memoria e coñecidas grazas á documentación da Idade Moderna e do século XIX.