Festaclown enche un ano máis Vilagarcía de risa, acrobacias e solidariedade
A programación da nova edición do festival desenvolverase entre o 18 e o 23 de agosto.
Este verán Vilagarcía volverá converterse nun gran escenario ao aire libre coa chegada dunha nova edición do Festaclown, unha cita imprescindíbel no calendario cultural galego para o humor, o xogo e o abraio.
O programa deste ano presentouse nunha rolda de prensa que tivo lugar no Parque de Ravella e na que interviron o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o concelleiro de Turismo de Vilagarcía, Álvaro Carou, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, e o coordinador do Festaclown, Nacho Fungueiriño.
O festival desenvolverase entre o 18 e o 23 de agosto, con propostas e espectáculos para todos os públicos e coa música e o clown como fío condutor. A organización do festival destacou que non só é unha celebración do circo contemporáneo, senón tamén un punto de encontro para diferentes xeracións e culturas con “compromiso coa solidariedade, a inclusión e o feminismo”.
Dende Agadic, Jacobo Sutil destacou a “posta en valor e a presencia das compañías galegas no cartel, e o compromiso do evento coa situación de Gaza e coa accesibilidade integral”. Do mesmo modo, dende a Alcaldía da cidade resaltouse o “orgullo” que supón para Vilagarcía apoiar este evento que “abrangue a todas as idades cun carácter reivindicativo”.
Nado como unha especialización do Festiclown, o festival asentado en Vilagarcía está xa consolidado como unha referencia no panorama circense estatal, combinando a súa esencia galega cun espírito aberto e solidario no que tamén teñen cabida propostas internacionais. A súa traxectoria está marcada por unha aposta polas compañías emerxentes e a complicidade co público, que poderá participar en moitos dos espectáculos e na escolla da súa proposta favorita mediante o tradicional voto popular.
Nesta nova edición, artistas de diferentes partes do mundo achegarán propostas sorprendentes e cheas de talento. A edición de 2025 contará con compañías como Circo Rojo (Colombia/Canarias), Cía A Tope (Arxentina), ou Abraham Arzate (México), espectáculos que mesturan humor, ilusións e moita personalidade cun alto grado de complexidade técnica para abraiar a maiores e pequenos.
O programa tamén inclúe proxectos singulares de compañías estatais e galegas, como os de Bot Project (Catalunya/València), unha proposta de trampolín moi orixinal, ou Marta Alonso Tejada (Galiza), que fusiona danza e clown para romper barreiras entre escena e público, entre moitas outras: Rendos Pequeno, Henriko Circo, Mago Teto, Garrapete Clown, Nacho Flores, A Cova das Letras,...
Todos eles enmarcados nun contexto de solidariedade no que se desenvolverá unha gala por Palestina a cargo da ONG Pallasos en Rebeldía: Circo contra a barbarie, na que participarán Mercedes Peón, Kote Malabar, Mago Teto, Marta Iglesias e Zirko Txosko.