“Os Fenómenos” e “A Esmorga”, grandes triunfadoras dos Mestre Mateo
A película de Alfonso Zarauza levou catro premios, entre eles as principais categorías de cine; mentres que o filme de Ignacio Vilar foi o máis galardoado, con seis premios, en especial nas categorías técnicas.
“Os Fenómenos” -unha produción de Zircocine, Maruxin Film Company e TVG- acadou os premios de Mellor Longametraxe, mellor Dirección, mellor Guión e mellor Interpretación Feminina de Reparto, para a actriz Ledicia Sola. O seu director, Alfonso Zarauza, reivindicou a importancia do sector. “Non se pode ter a política económica de Alemaña e ter a política cultural de Tanzania”, dixo Zarauza na recollida do premio.
"Serramoura", mellor serie de TV
Nas categorías de televisión, “Serramoura” obtivo o premio a mellor serie. O mellor programa foi para "ZigZag Diario", e a mellor comunicadora para Marga Pazos do Telexornal Mediodía, ambos de TVG. A actriz Mabel Rivera foi elixida mellor actriz protagonista por “Pazo de Familia”.
O premio de honra recaeu sobre a actriz Fely Manzano, que rematou o seu discurso ao berro de “Viva o audiovisual galego!”.
Na categoría de animación, “Maimiño” acadou o premio a mellor longa. O videoclip de “Garden’s Road” de Miss Movies; a realización de Diego Guerrero e Marcos Estebo por “Cos pes na terra”, e a montaxe de Marcos Nine para “A Viaxe da Leslie”, foron outros dos recoñecidos. Unha das favoritas, “Schimbare”, logrou finalmente a mellor dirección de produción para Toni Veiga e o mellor son para David Machado.
No capítulo de series web, impúxose “El método sueco”, dos mozos de Porco Bravú. A mellor curta foi para 'Unary', de Elena Olivares y Nacho Caballero, en coprodución con Pixel Films; mentres “Alarma, ya es Navidad” resultou elixido como mellor anuncio de publicidad.
Recoñecemento a Angrois e Fely Manzano
Recoñecemento especial houbo para o Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes, premiado polo seu documental “Angrois no esquecemento”, que adicou o galardón ás vítimas da traxedia ferroviaria e a súas familias. "Seguen reclamando máis dun ano despois que se faga xustiza, que de verdade se busque a verdade e que se cree dunha vez esa comisión de investigación política para depurar responsabilidades".
O premio de honra recaeu sobre a actriz Fely Manzano, que aproveitou o seu discurso para pedir que non se esqueza á súa xeración, ademais de agradecer ao público o seu apoio ao sector. O público asistente ao evento acompañou á actriz cun clamoroso aplauso no seu berro de “Viva o audiovisual galego!”.
A gala dos premios que recoñecen os mellores traballos audiovisuais galegos tivo lugar no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña, presentada por Roberto Vilar.