Elas e eles, feministas na Galiza
A exposición Alén dos xéneros percorre as prácticas feministas da Galiza a través da obra de 50 artistas. Deixamos un extracto da reportaxe que lle dedicamos no Sermos Galiza 232.
Desde sempre a muller, ao igual que o home, foi protagonista en diversos ámbitos, tanto culturais, políticos, económicos e de índole social. Mais poucas veces lle foi recoñecido ese labor. O seu papel de creadora e divulgadora de pensamento. A capacidade para deixar pegada e mudar a contorna. A exposición Alén dos xéneros: Prácticas feministas na Galiza pretende visibilizar a figura feminina na arte e recordar que as mulleres sempre estivemos aí.
Alén dos xéneros permite contextualizar o traballo artístico que aborda as cuestións de xénero, poñendo en relación o ámbito nacional co estatal e internacional. “É unha exposición formulada en diálogo coa mostra actual, comisariada por Rosario Sarmiento, Mulleres do Silencio”, explica Anxela Caramés, en declaracións a Sermos Galiza. “A idea é cubrir un baleiro que existe dentro da historiografía da Galiza, xa que é a primeira vez que se fai algo así”, afirma a comisaria. Por outra banda, Caramés fai fincapé en que estamos ante unha mostra ampla, mais hai moitas outras artistas que, por cuestións de espazo, non están dentro e levan tempo traballando arredor destas inquedanzas.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 232 do Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]