A Feira Franca de Pontevedra regresa os días 5 e 6 de setembro cun tributo ás meigas
A cidade de Pontevedra prepárase para acoller unha das súas citas máis queridas e multitudinarias: a XXIV edición da Feira Franca, que terá lugar os días 5 e 6 de setembro e que onte presentou a súa programación ao completo. A festa deste ano dedica a súa temática ás meigas, esas mulleres sabias e libres que a tradición popular, e a represión inquisitorial, transformou en lendas e temores. A festa, que recrea o esplendor medieval dunha vila portuaria de referencia no Atlántico, converterá unha vez máis o centro histórico nun escenario de mercados, música, animación e gastronomía, cunha participación que cada ano rolda as centos de miles de persoas.
“A principal novidade desta edición é que está todo en marcha, todo listo, sen problemas”, apunta a este xornal, con retranca, o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, consciente da complexidade de organizar unha cita deste calibre. “É unha festa moi difícil de preparar, pero o resultado paga a pena: a cidade énchese de xente e de vida, de veciños e visitantes botados á rúa, vivindo unha recreación histórica única”, asevera.
A temática das meigas encaixa coa aposta do Concello nun verán cunha forte carga feminista: “Este ano quixemos pór no centro a figura destas mulleres, que non eran só personaxes míticas, senón sabias con coñecemento empírico por riba da cultura libresca. Elas coñecían as plantas, os remedios, a realidade das aldeas. É unha forma de reivindicar o traballo e o saber das mulleres”, explica Gómez. A festa arrincará esta sexta feira pola noite cun espectáculo inaugural na Ferraría da compañía Pablo Méndez Performance do que apenas se adiantan detalles. “Será unha sorpresa”, comenta o edil.
O programa: dous días de maxia e de historia viva
A programación arrincará na sexta feira ás 19 horas co tradicional percorrido dos pregoeiros a cabalo, anunciando o comezo da Feira Franca polas rúas do centro histórico. Pero o prato forte será o espectáculo inaugural e único As Meigas, ás 22h na Ferraría, que servirá como apertura oficial.
O sábado, día grande da festa, o mercado medieval abrirá ás 11.30h na avenida de Santa María, acompañado pola Mostra de oficios tradicionais nas prazas da Ferraría, da Pedreira e do Peirao. A partir do mediodía, pasarrúas, música, animación, obradoiros de esgrima e recreacións históricas como o tradicional transporte do viño percorrerán o casco vello, mentres as prazas se encherán de artistas, bufóns e trobadores.
Ás 17.30h terá lugar o gran torneo medieval na praza de touros, con entrada de balde até completar a capacidade. A xornada inclúe múltiples actividades para familias: tiro con arco, espectáculos de maxia, pasarrúas temáticos como o da Santa Compaña e exhibicións de baile medieval. As embarcacións tradicionais no Lérez, a cargo da Federación Galega pola Cultura Marítima, ofrecerán visitas guiadas ás 13h e ás 18h.
As tabernas medievais, repartidas por toda a cidade, servirán viños, doces de convento, carnes asadas e pratos inspirados no medievo, completando unha oferta gastronómica que é parte esencial desta experiencia.
Maxia feminina no corazón da festa
A elección das meigas como fío condutor da XXIV Feira Franca non é casual. Pontevedra quere recuperar a memoria das mulleres sabias que, séculos atrás, foron demonizadas. As figuras de María Soliña, a mítica meiga de Cangas; da perseguida Xoana de Castro, ou das herdeiras de Aquela de Bergantiñosa –curandeiras e sabias ancestrais– estarán presentes nunha programación que engloba tradición e creatividade.
“Queremos que a cidade se recoñeza na súa historia, pero tamén que esta sexa unha festa viva e actual. A Feira Franca é unha celebración da comunidade, da cultura e do espazo público. Pontevedra foi un porto fundamental no comercio atlántico; hoxe queremos seguir no centro do mundo, pero dunha maneira diferente: conectados, orgullosos e abertos”, afirma Demetrio Gómez.
Cada ano milleiros de persoas participan activamente na recreación, vestindo traxes medievais e ocupando rúas e prazas cun ambiente festivo único. “Non nos gusta compararnos con outras cidades: cada unha ten o seu modo de traballar. O importante é como vivimos esta festa: todos estamos na rúa, compartindo, sen barreiras. É unha das citas máis importantes do ano para Pontevedra”, insiste o concelleiro.
A Feira Franca é xa un sinal de identidade que reforza o modelo urbano peonil da cidade, recoñecida internacionalmente polo seu deseño accesíbel e amábel. Durante dous días, Pontevedra convértese nun grande escenario histórico, onde a maxia das lendas galegas e o espírito comunitario se dan a man.
Como afirma o bando da celebración: “Pontevedra será terra de encantos, feira de lendas e feitizos, romaría de risas e abrazos”. A Feira Franca anima, un ano máis, a encher a Boa Vila para celebrar a vida e soñar, para que “as meigas, lonxe de condenas e lumes”, bailen radiantes arredor da festa pura.
Feira medieval: Unha cidade entregada e disposta a viaxar no tempo
A Feira Franca é, xunto coas Festas da Peregrina, o evento festivo máis esperado polos pontevedreses e polas pontevedresas. Inspirada nun privilexio real do século XV que autorizaba a vila a celebrar mercados libres de impostos quince días antes ou despois do día de San Bartolomeu, a cita naceu en 2001 e, dúas décadas despois, consolidouse como unha das recreacións históricas máis relevantes de todo o país.
As rúas e as prazas do centro histórico encheranse de máis de cen postos de artesanía e 55 de gastronomía, mentres milleiros de persoas participarán caracterizadas de época. Pero o elevado investimento municipal –como explica a Nós Diario o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez– retorna sempre multiplicado: “A hostalaría está chea desde hai días. É imposíbel conseguir mesa ou hotel para a fin de semana. Calquera gasto do Concello recupérase sobradamente”.
O evento destaca tamén polo seu espírito comunitario: “Non se trata só de ver espectáculos, de comer e de lembrar a nosa historia, senón de vivir a festa cos amigos, de saír á rúa e compartir. É unha cita na que sempre acabas facendo un novo grupo co que botar o día enteiro. É unha das cousas máis fermosas de Pontevedra”, subliña o concelleiro.