O Ribadeo Indiano dedica a súa décima edición a Ramón González
A deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, e o deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, participaron onte na presentación do Ribadeo Indiano, que terá lugar do 11 ao 13 de xullo.
No acto, ao carón da casa natal de Ramón González, a quen se dedica esta décima edición, a responsábel provincial valorou a traxectoria do Ribadeo Indiano, destacando o "acerto da iniciativa, que se consolidou coa participación e a implicación activa de asociacións e colectivos de Ribadeo e da veciñanza, que se identifica fortemente co fenómeno da emigración a América e da influencia de América na Galiza e en Ribadeo".
Son "dez anos de historia e compromiso coa memoria colectiva e de celebración dun identidade que xera orgullo", resumiu a deputada, que fixo fincapé na "dimensión cultural, de divulgación histórica e de reflexión sobre a interculturalidade" do Ribadeo Indiano.
Ramón González
Ramón González estudou náutica e comercio antes de emigrar a América. Comezou como oficinista, ascendeu e fundou a súa propia empresa. Tras máis de dúas décadas na Arxentina, regresou como activo filántropo. Foi presidente da Sociedade La Concordia, membro do Ateneo de Ribadeo, colaborou coas festas patronais, financiou o mercado e participou na construción do teatro. No ano 1922, foi nomeado fillo predilecto de Ribadeo.