Cantar a Nación conmemora o aniversario da estrea do Himno galego
Cantar a Nación, a conmemoración do aniversario da estrea do Himno galego, organizada pola Federación Galiza Cultura e a Plataforma Vía Galega, decorreu esta cuarta feira en Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Allariz. O obxectivo deste ciclo é homenaxear o Himno da Galiza no 118 aniversario da súa estrea no Gran Teatro da Habana, como un dos signos representativos da Galiza como nación. Cantar a Nación é ademais un espazo para a información sobre a historia do mesmo, e, sobre todo, para a reivindicación da restauración da letra orixinal.
Lucía Veciño, voceira de Vía Galega, reivindica a necesidade deste acto como unha segunda vía para “intentar socializar o himno completo con todas as estrofas e coa letra orixinal escrita por Eduardo Pondal, para que sexa cantado coa restitución polas corais”, sinala a Nós Diario. Isto é consecuencia de observar que “a falta de vontade do Partido Popular polo recoñecemento do himno e a súa restauración está atrancado vía parlamentaria”, denuncia Veciño.
Pola súa parte, Xosé Manuel Carril, presidente da Federación Galiza Cultura, apunta que estes actos teñen como finalidade “teimar no que nos identifica e nos representa nun cantar colectivo popular do noso himno, mais sempre na letra creada por Eduardo Pondal, de modo que ten un claro carácter reivindicativo: a restitución do noso himno cantando a versión orixinal”, sinalando a relevancia do himno que forma parte da “nosa expresión como ser colectivo”.
O Himno galego resulta das catro primeiras estrofas do poema ‘Os pinos’ de Eduardo Pondal, xunto coa melodía de Pascual Veiga. Escrito no contexto da emerxencia dos símbolos nacionais por toda Europa, foi encargado ao escritor do Rexurdimento coa finalidade de xerar na poboación galega unha emoción que reflicta o entusiasmo patriótico de seren galegas. No ano 1890, convocouse un certame no que se presentarían diferentes propostas melódicas para musicar a letra de Pondal, sendo, finalmente, escollida a sinerxia entre as catro estrofas e a música creada polo compositor mindoniense. A súa popularización deuse desde a propia colectividade emigrante, nomeadamente en Cuba, espallándose a través dos medios cubanos desde o ano 1905, dous anos antes da súa primeira interpretación solemne e oficial, en 1907, que é obxecto de conmemoración na actualidade.
No ano 1910, o himno composto nos últimos anos do S.XIX, volta á Galiza a través da poboación máis concienciada co nacionalismo que estaba a medrar neses anos. É precisamente en 1916, ano de nacemento das Irmandades da Fala, que se consolida como Himno galego e son as propias Irmandades quen o acolle de forma máis significativa.
A restauración da letra fidedigna
O ciclo Cantar a Nación ten a súa orixe na campaña posta en marcha por Vía Galega polo recoñecemento dos símbolos nacionais, nomeadamente a bandeira e o Himno galego. A campaña coincidiría coa iniciativa desta plataforma xunto coa Federación Galiza Cultura a finais do ano 2022 pola restitución da letra orixinal do himno. Esta campaña, para a que se levou a cabo unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que reuniu ao redor de 16.000 sinaturas, logrou que a restitución da letra himno fose a debate no Parlamento galego no mes de setembro de 2023. A iniciativa non se aprobou ao rexeitala o PP e o PSdeG, votando só a favor o BNG. No seu canto, creouse unha comisión de estudo no Parlamento. O principal obxectivo da ILP era corrixir a letra, para representar unha versión fidedigna ao texto inicial de Eduardo Pondal, que se viu deturpado xa nos anos da súa popularización, ao ter esta sucedido fóra do país. A deturpación oficializouse no ano 1984 a través da Lei de Símbolos da Galiza, que consolidaba a versión herdada do traspaso editorial, e non a versión pondaliana. A proposta de restauración afecta unha serie de termos, como a corrección da palabra ‘férridos’, no canto de ‘féridos’, en referencia á dureza do ferro; así coma ‘clan’, onde hoxe pon, oficialmente, ‘chan’, mencionando así o pobo galego; ou o mantemento do signo de interrogación nos primeiros versos, para que se respecte a intencionalidade de que esas liñas sexan, efectivamente, en ton de pregunta.
Desde Vía Galega, Lucía Veciño opina que a restitución da letra do Himno galego “é de xustiza”, porque se trata “dunha anomalía, en ningunha nación do mundo se permitiría ter un dos seus símbolos completamente deturpado”.
A comisión de estudo que se estabeleceu no Parlamento tras rexeitarse a ILP, solicitou un informe ao respecto á Real Academia Galega (RAG). O mes pasado, a Academia ratificou, a través dese informe , a súa conformidade coa proposta defendida na ILP para a restitución da letra orixinal, que considera “pormenor” e de “retoques mínimos que non entran en conflito coas formas aceptadas no galego actual”. É por isto que, sempre e cando se manteñan dentro da normativa, a Real Academia Galega valora positivamente as mudanzas propostas.
Corais e bandas reivindican os símbolos da Galiza
O Coro Cántigas da Terra interpretou esta cuarta feira o Himno galego no acto desenvolvido no Teatro Rosalía da Coruña, mentres que no Mercado Quiroga Ballesteros de Lugo puidéronse escoitar as corais Lucus Terra, Cántigas e Frores e Solo Voces. Xolda actuou no Fogar dos Maiores de Allariz e no acto na cidade do Lérez a música correu da man do Grupo Maravallada. No Centro Cívico de Teis, na cidade de Vigo, o evento contou coa participación de Cantares de Brión e de Gaiteiros Os Erdeiros dos Morenos de Lavadores. Esrta quinta feira , o músico e escritor Xurxo Souto presentará o acto en Compostela, no Teatro Principal, no que participará o grupo De Ninghures e O Coro da Ra. O sábado, Cantar a Nación será no Antigo Hospicio de Ferrol.
De 1890 a hoxe
Manuel Ferreiro, catedrático en Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña, foi quen defendeu no Parlamento a ILP para a restitución da letra orixinal do Himno galego. Na defensa da ILP, Ferreiro repasou a historia do himno, sinalando o inicio do mesmo en Cuba, na revista Galicia, no ano 1890, na que xa se modificara a letra a través de “todo tipo de erros de impresión e/ou interpretación”. Este texto adaptouse pola RAG e, na mesma versión, foi aceptada posteriormente pola Xunta.