Artistas e produtoras urxen apoiar o jazz para aproveitar todo o talento galego
'Sobrevivir no jazz na Galiza, entre a paixón e a profesión' foi o lema da xornada do Consello da Cultura Galega que se desenvolveu esta quinta feira en Compostela e na que se tratou, de acordo coa intención do organizador, Ramón Pinheiro, a realidade, memoria e retos que afrontan as músicas e os músicos. Pinheiro sinala a Nós Diario as dificultades que tivo esta xornada para se realizar, formulada desde hai anos, ao non estar asociado o jazz coa tradición galega.
Este estilo musical ten a súa orixe na fusión entre distintos ritmos de orixe africana co blues e a música europea, a través dos inmigrantes afroamericanos no Estado de Nueva Orleans, nos EUA. Malia a distancia xeográfica, este estilo soubo adaptarse a través dos distintos contextos espazotemporais, de forma que se nutriu e achegou a diversas culturas, entre elas, precisamente, a galega, na que hai influencias, puntualiza Ramón Pinheiro, desde hai máis de cen anos, sendo a música jazz galega un referente estatal por varias décadas, creando unha escena “moi rica e moi diversa, tanto pola parte dos músicos como por outros profesionais envoltos nela”. Por isto é que reclama “máis consideración e desde a parte institucional”, parte na que inclúe, ademais do Consello da Cultura Galega, outros organismos como as universidades.
Na apertura da xornada, Eva Moreda, mestra de musicoloxía da Universidade de Glasgow, departiu sobre a adaptación do jazz no contexto escocés, estabelecendo certos paralelismos coa situación da Galiza “posto que ambas son nacións sen Estado que se atopan nun contexto europeo e que asocian moito a súa identidade á súa música tradicional”.
A través do caso de Escocia –na que o jazz fomentou as asociacións culturais na década de 1990-, explica como o jazz, grazas ao asociacionismo, pode integrarse na construción da identidade nacional, o que abre a porta á recepción do apoio institucional e á iniciativa privada.
Tras a palestra de Moreda, sucedéronse as mesas redondas nas que se trataron as dúas caras da industria do jazz na Galiza: a relacionada coa formación e os camiños laborais, e a relacionada coa industria.
Máis apoio e integración nos circuítos
Na primeira mesa, titulada 'Formación e políticas culturais', interviron profesionais da música da talla de Abe Rábade, membro do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra; Felipe Villar, docente no Conservatorio Mayeusis de Vigo e tamén director do festival Nigrán Jazz; Ramón Bermejo, docente na escola Estudio de Compostela, e Marcelino Galán, docente do Grao en jazz do Conservatorio Superior de Música da Coruña. O tema central desta mesa foi a formación en jazz, discernindo entre educación as problemáticas que afectan os graos estandarizados, cuxas prazas considéranse insuficientes, mesmo levando á emigración músicos para podérense formarse fóra. Tamén se falou sobre saídas laborais, tema ao respecto do que Felipe Villar destacou o contraste entre o incremento de formación grazas ás iniciativas privadas e non regradas e a falta de integración no mercado laboral destes músicos, dificultada por esa falta dun Grao Profesional dedicado ao Jazz, que dea lugar a docentes titulados, pois “a docencia é a meirande saída profesional dos músicos xunto coa propia interpretación”, como sinalou Felipe Villar. En canto á parte de políticas públicas, houbo un espazo para reflexionar sobre a promoción, programación e subvención para este estilo, chegando a unha conclusión: a música jazz queda relegada a unha presenza testemuñal dentro da escena galega, e é preciso un maior investimento e máis integración nos circuítos culturais galegos para aumentar a profesionalización.
Fan falta máis prazas no ensino regrado de jazz, consideran os relatores
A segunda, mesa 'Vida profesional', conformárona tres directores de festivais: Aitana Cuétara, de Jazz de Ría, Xan Campos, de CanJazz e Cristina Marvão, Eixo do Jazz, Associação Luso-galaica para a Promoção do Jazz (Portugal).
Nesta palestra, os tres partillaron experiencias en relación á precariedade que se atopa na xestión de eventos de jazz, así como na execución desta música no noso país.
Esta precariedade leva á autoxestión dos artistas, en consecuencia, diminúe a súa profesionalización: “os proxectos artísticos precisan dunha serie de profesionais detrás que se ocupen dos aspectos non musicais”, sentenciou Aitana Cuétara. Aliás, tratouse a diferenciación do jazz contra as tendencias musicais globais, cunha estética contraria á asociada con este estilo, e un auxe da música non-instrumental.
O concerto de Sunil López e Miguel Seoane clausurou a xornada
O ramo a esta xornada púxoo unha actuación musical a cargo de dous músicos novos, que destacan polo seu talento, Sunil López, ao piano, e Miguel Seoane, co saxofón.
Festivais que integran e divulgan o jazz
Un dos exemplos máis visíbeis de iniciativas que integran o jazz dentro da cultura e o panorama galego é Jazz de Ría, o festival especializado neste xénero que a relatora das xornadas Aitana Cuétara organiza. Este festival realízase cada ano no mes de agosto, e neste 2025 tivo lugar a súa sétima edición. O seu principal propósito é achegar a música jazz á costa ártabra, polo que ten lugar, cada ano, en distintas localidades da zona. Na actualidade o festival está deslocalizado, compartindo escenario entre as vilas de Neda, Narón, Cedeira e Valdoviño. Esta diversificación de escenarios, explica Cuétara, ten dous obxectivos principais: a integración do jazz na poboación local, “tivo moi boa acollida”, e a “busca do diálogo entre eses concellos, tanto das institucións como dos habitantes”.
Deste modo, achégase unha música que en xeral pode resultar “pouco habitual” para un público popular, que a integra na súa vida social con naturalidade. Isto conséguese a través da realización de múltiples actividades abertas e gratuítas, adecuadas ao público concreto de cada espazo, e a programación, dando lugar artistas galegos á vez que se inclúen artistas prestixiosos e se colabora con festivais de todo o Estado.