Falece ‘O Ribeira de Louzarela’, un dos últimos ‘brindeiros’

O Ribeiro de Louzarela (Foto:Folque)

Antonio Río Montero era un dos últimos executores do brindo, o xénero de improvisación oral por excelencia das montañas orientais galegas.
 

Finou ‘O Ribeira de Louzarela’, de Pedrafita do Cebreiro, un dos últimos brindeiros. Os brindos son coplas de catro versos con rima par que se interpretaban nas vodas. A cadea de montañas do oriente galego foi sempre rica en brindeiros, que noutras partes do país din regueifeiros. Antonio Río principiou con apenas 13 anos a facer 'brindos' e durante estas décadas convertiuse nunha referencia no mundo da improvisación na Galiza.

A central folque editou o CD-libro O Ribeira de Louzarela, brindador da dentro. Un traballo que permitiu  aproximármonos “á microhistoria deste último brindador de Pedrafita do Cebreiro abrindo a porta a toda unha tradición dos cantos dialogados de voda”.

Con texto do filólogo e improvisador oral Kike Estévez e a análise musical de Pablo Bernárdez, este libro pertence á colección Chave Mestra da Central Folque.

En 2018, na parroquia de Louzarela, inaugurouse un monumento a Antonio Río nun acto no que tomaron parte perto dun cento de persoas.