Falece aos 24 anos de idade o actor galego Siro Ouro

Siro Ouro. (Foto: La Tristura)
Tal como indicou o proxenitor, o artista levaba anos "loitando cunha enfermidade rastrera, mesquiña e cruel á que finalmente sucumbiu".

O actor galego Siro Ouro, coñecido artisticamente como 'Gold Sirope', faleceu o pasado 1 de xaneiro aos 24 anos de idade, segundo confirmou o seu pai, Dani Ouro, en redes sociais. Tal como indicou o proxenitor, o artista levaba anos "loitando cunha enfermidade rastrera, mesquiña e cruel á que finalmente sucumbiu".

Nunha emotiva mensaxe, o pai do falecido actor explica que en Noitevella o mozo tomouse as uvas en casa da súa avoa e retirouse á súa habitación dicíndolle 'Quérote', morrendo esa mesma madrugada "sen sufrir". "Descansa en paz o meu neno. Aí onde estás ninguén pode facerche dano. Amareite sempre", sentenza o seu pai.

Tamén a compañía de teatro La Tristura, á que pertenceu o actor, contou a dura noticia nas súas redes sociais, destacando Ouro como "un ser incríbel" e lembrando que os últimos anos foron "difíciles" para el. Nado en Ferrol, Siro Ouro formou parte de películas como 'Somos Reyes' ou da serie creada polos Javis 'La Mesías', entre outros proxectos. Tamén desenvolveu nos últimos anos a súa faceta de músico e compositor.