Organiza o Consello da Cultura

Exposición en Ellis Island, Nova York, sobre a emigración galega

Imaxe de Ellis Island (Nova York) en 1905. Foto: cedida.

Os adeuses é o título da exposición que o Consello da Cultura Galega inaugura o vindeiro 9 de febreiro en emblemática Ellis Island, a illa da baía de Nova York que funcionou como “principal entrada de inmigrantes” aos Estados Unidos de América na primeira metade do século XX.
 

“A mostra documenta os últimos momentos da emigración galega cara a América”, indica o organismo autónomo nun comunicado remitido aos medios de comunicación, “acompañando a exposición haberá, ademais, un variado programa cultural pensado para situar a cultura galega neste emblemático espazo”.

 

Os adeuses enmárcase nos obxectivos para 2019 do Consello da Cultura Galega, que a pasada quinta feira aprobou nun pleno ordinario o seu programa anual de actividades. A institución pretende así “reforzar a acción exterior” e o traballo sobre a emigración. Entre outras tarefas, desenvolverá un plan director “para lle dar un pulo destacado á creación dun Museo da Emigración”.

 

Orzamento


O Consello da Cultura Galega contará cun orzamento de 2.679.233 euros -132.008 máis ca o pasado exercicio- para “o desenvolvemento do programa de actividades e o mantemento das liñas de traballo habitual”. “Queremos unha maior renovación nos formatos e unha maior transversalidade para chegar a novos públicos”, indica.

 

Non só os formatos. O pasado xullo, a filóloga e académica Rosario Álvarez substituíu na presidencia do organismo ao historiador e tamén académico Ramón Villares. “Ademais, renováronse o 52% dos integrantes do Plenario, Arquivos, Seccións e Comisións”.

 

Entre as actividades que o Consello anuncia para 2019 atópanse un debate sobre “papel cero”, a constitución dun “foro de pensamento mensual con personalidades galegas” ou unhas xornadas sobre mulleres e antropoloxía. O Día das Letras, este ano dedicado a Antón Fraguas, tamén conta entre as prioridades.

 

A medio prazo, xa prepara accións de cara ao Xacobeo, homenaxes á Xeración Nós, Concepción Arenal e as Cantigas de Afonso X.