Éxito no concerto nacional en homenaxe a Hugo Chávez

Foto: Agarb

Música, solidariedade e compromiso protagonizaron a velada organizada pola Asociación Galega de Amizade coa Revolución Bolivariana (Agarb) e polo consulado de Venezuela en Vigo.

Se a solidariedade é a tenrura entre os pobos, como escribiu Pablo Neruda, Galiza e Venezuela foron esta fin de semana as máis tenras. O antigo Teatro Rosalía de Castro de Vigo (actualmente auditorio do centro cultural García Barbón) acolleu a Homenaxe nacional a Hugo Chávez, un acto no que música, intervencións, compromiso e loita foron da man non só para honrar e lembrar a Chávez senón tamén para mostrar a adhesión e apoio d@s presentes ao proceso revolucionario venezuelano. “Nicolas Maduro, o presidente da República bolivariana da Venezuela, representa democraticamente o poder popular”, como afirmou o coordinador xeral de AGARB, Xavier Moreda .

Xosé Constenla, Uxía, Sergio Tannus, Sés, Zurrumalla, Os Tres Trebóns...música solidaria coa Revolución Bolivariana

A organización da homenaxe foi da man da Asociación Galega de Amizade coa Revolución Bolivariana (Agarb) e polo consulado de Venezuela en Vigo. Mais nesa navegación tiveron o apoio de múltiples brazos: CIG, Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil, Mar de Lumes e o Capítulo Galego do Movimento Continental Bolivariano, Agir, BNG, Briga, COG, Comités, Galiza Nova, Isca!, Liga Estudantil Galega, Lume!, Movimento Galego ao Socialismo, NÓS-Unidade Popular, PCPG e Primeira Linha.

O cantautor Xosé Constenla abriu o concerto cunha versión de Alí Primera, histórica voz venezuelana do compromiso. Após as intervencións da actriz Comba Campoi e de Xavier Moreda (que salientou que con este acto “facemos unha homenaxe á vida libre”) foi a quenda de Uxía. Acompañada de Sérgio Tannus, Uxía arrancou cunha versión do Zeca, solidario entre solidarios. E as voces e músicas foron unha tras unha decorrendo nesta homenaxe: Sés, Zurrumalla, Os Tres Trebóns... Todas con mensaxes de compromiso con Venezuela. E tamén houbo intervencións, como a de Luisana Sánchez Cohen, cónsul da República Bolivariana da Venezuela en Vigo, ou a de Serafin Otero, secretario-comarcal da CIG-Vigo, entre outras.

Un vídeo de homenaxe a Chávez elaborado por GzVídeos e un monólogo de Pepe Sendón (Karl Marx no Soho) tamén tiveron parte neste acto.