“Eurozone” de Chévere, ao dispor en cinco capítulos na rede

Foto: Redenasa

En vídeo e dividido en cinco capítulos, a compañía Chévere disponibiliza Eurozone, o seu gran suceso teatral que se presenta como “vacina teatral contra os efectos perversos da crise”. 

En tempos de crise, Eurozone presentouse case como unha superprodución, unha obra ambiciosa que mantiña en escenario oito actores e actrices, pouco habitual no actual panorama teatral. Estreada hai dous anos e medio, a obra de Chévere apuntaba contra “os efectos perversos da crise”, cunha mirada crítica e aceda. Cando remata a distribución que levou o espectáculo diante de máis de 10.000 persoas en 21 cidades, Chévere disponibiliza a obra en vídeo, a través de cinco capítulos que ofrece en aberto desde a súa páxina web. 

Eurozone supuxo tamén a maior promoción externa para a compañía que conseguiu grandes sucesos como primeiro grupo galego que entrou na programación de tempada do Centro Dramático Nacional de Madrid e logrou catro premios María Casares, entre eles o de Mellor Espectáculo. 

Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés  Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Pepe Penabade, Borja Fernández formaban o elenco dunha obra escrita por Manuel Cortés e dirixida por Xron e contou cun equipo de profesionais de arredor de 20 persoas. O espectáculo pódese ver no portal redenasa.tv