Un estudo rastrexará 43 ‘cuadrículas’ nas montañas orientais galegas para facer un censo do oso pardo

Oso no Invernadeiro.

Galiza vai tomar parte na elaboración do primeiro censo do oso pardo que habita nos territorios da cordilleira cantábrica. Canda Asturias, Cantabria, Castela e León -baixo a coordinación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico- e co asesoramento do CSIC e a Universidade Autónoma de Barcelona, levarase a cabo por primeira vez un censo de oso pardo de maneira simultánea en todo a área de distribución do oso pardo cantábrico usando a mesma metodoloxía.

O oso pardo está incluído no Catálogo español e galego de especies ameazadas na categoría de “En perigo de extinción”, así como nos anexos II (especies para as que é preciso declarar zonas de protección) e IV (protección escrita) da Directiva Hábitats, con presenza na Galiza, e que conta cun plan de recuperación aprobado.

Os primeiros traballos, as prospeccións, que levarán a cabo están dirixidas á toma de mostras non invasivas desta especie (como por exemplo, mostras de excremento e pelo) durante o período que vai do 1 de setembro ao 15 de decembro de 2020.

O obxectivo desta primeira etapa é obter perfís xenéticos individuais de cada exemplar (baseados en utilización de Polimorfismos de Nucleótido Simples (SNPs) e realizar unha estima poboacional. Nunha segunda etapa, traballarase no grao de conectividade entre os núcleos da poboación e de parentesco entre os exemplares.

Desde a Consellería de Medio Ambiente indican que na Galiza mostrearanse 43 cuadrículas, 34 na provincia de Lugo, 4 en Ourense e 5 no Parque Nacional do Invernadeiro.