A estrea do novo disco de De Ninghures converteu a Sala Capitol nunha 'Feira'
O concerto contou coa colaboración de Fillas de Cassandra, Juan de Dios, Ortiga, De Vacas e Anxo Pintos.
A emblemática Sala Capitol viviu onte á noite unha auténtica Feira. De Ninghures subiu ao escenario da sala compostelá para presentar o seu novo traballo discográfico -que ostenta, precisamente, ese título, Feira- publicado o pasado 25 de febreiro, para dar un concerto que contou coa colaboración de Fillas de Cassandra, Juan de Dios, Ortiga, De Vacas e Anxo Pintos. As entradas para a cita estaban esgotadas desde había días.
Antes de subir ao escenario, Marta Álvarez, unha das compoñentes o grupo, confesaba a Nós Diario que había nervios pero que "coa xente que hai e coas colaboracións que temos vai ser difícil non desfrutar deste concerto e non pasalo ben".
De Ninghures sorprende en cada canción coa súa actualización de coplas e melodías populares, que fai bailar e emocionarse ao público coa súa fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.
"Somos sete, e cada un toca un ou varios instrumentos, co que xa levamos unha orquestra. Pero ademais, cada quen ten os seus gustos musicais e, á hora de gravar, probamos moitas cousas distintas. Gravamos sen ningún tipo de prexuízo á hora de experimentar", explica Álvarez.
En 2022 a banda publicou Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois -como o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano na Galiza nos Premios Ari(t)mar-, De Ninghures lanza Feira é un disco conformado no que a formación traballa coa tradición popular galega dun xeito artesanal, cunha sonoridade e discurso moi característico, para levala á escena actual.
Da man do produtor Juan De Dios Martín (Amaral, Xoel López, etc.), a banda revisita, actualiza e reivindica o patrimonio cultural do país para presentar unha Feira do século XXI, tal e como descubriu o público que asistiu onte á Sala Capitol.
"O primeiro disco era máis tradicional, xa sabiamos todos un pouco o que iamos facer. Neste cambiou moito porque o noso produtor, Juan de Dios, logrou ampliar os nosos límites, probar cousas que nunca se nos terían ocorrido, ou que, se se nos ocorresen, probabelmente non saberiamos como abordar".
O éxito da banda arrastra un movemento musical que expande os límites da música galega. "Agora vemos que temos detrás xente da profesión que non coñeciamos persoalmente e que están connosco incondicionalmente. É unha loucura porque chegamos a sitios onde non esperabamos", conclúe Álvarez.