“Escrever nas margens” no Festival de Poesía do Condado

Viale Moutinho

“Escrever nas margens” é o lema da XXVIII edición do Festival de Poesía do Condado que xa presentou o seu programa para os días 5 e 6 de setembro. Moita poesía mais acompañada de música, obradoiros e audiovisuais. 

A cita central será, como todos os anos, no encontro poético que se desenvolverá o 6 de setembro por volta das 21:00 horas. Presentado por O Leo, o espazo literario-musical contará coa participación do escritor portugués Viale Moutinho, Teresa Moure, F. Álvarez Koki, Alicia Fernández, Paula Carballeira, Ismael Ramos, Marília Miranda, Xabier Cordal, Xesús Rábade, Berta Davila e Concha Rousia que recitarán os seus versos na noite do sábado. 

O Festival de Poesía do Condado, en Salvaterra, chega a súa XXVIII edición cun amplo programa tamén de música, para o que están convidad@s Sés, Fortuítos, A Quenlla, The Tetas Van, Liska ou a  Fanfarria Takikardia. A axenda complétase coa proxección de audiovisuais como “Pacios” de Manuel Darriba, que presentará a obra” ou as curtas premiadas no Festival de Cans, , exposicións como “Elas som eu” e “Matrikas”, unha feira de artesanato e colectivos, obradoiro de pandeireta, campionato de billarda ou unha mesa redonda con tres temas sobre modos alternativos de actuación como a bioconstrución, a horta ecolóxica e a banca ética. Na tarde de sábado Tanxarina Títeres serán os protagonistas da festa infantil.