SETE ASOCIACIÓNS ASINAN COMUNICADO CONXUNTO

A escena galega maniféstase en apoio dos titeriteiros

[Imaxe Libertad Titiriteros]

Sete asociacións das artes escénicas galegas fixeron público hoxe cuarta feira un comunicado conxunto en solidariedade cos dous “compañeiros” da compañía Títeres desde Abajo. E a CNT mantén a convocatoria tamén para hoxe dunha concentración na Praza de Cervantes compostelá.

Logo de múltiples manifestacións de repulsa a nivel individual de personaxes destacados das artes escénicas galegas, como Cándido Pazó ou Ana Vallés, ou da propia asociación Morreu o Demo, varias entidades do sector veñen de manifestarse conxuntamente contra estas detencións. 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas), a Academia Galega do Audiovisual (AGA), Asociación Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia (AFEARTE), Crea (Asociación de directores realizadores de Galicia) e a Unión Internacional de Marionetistas-Galicia (UNIMA Galicia) emitiron hoxe un comunicado no que amosan “a nosa solidaridade con estes dous compañeiros, condenamos a súa detención e pedimos a súa liberación inmediata e a retirada dos cargos”.

Segundo afirman no texto, os feitos supoñen “unha agresión á liberdade de expresión non só dos/as creadores/as e artistas, senón do conxunto da nosa sociedade”. A gravidade dos feitos radica, na súa opinión, “no intento de vulnerar a liberdade de expresión xeral, así como o acoutamento do feito artístico nas súas principais funcións: a de reflectir o estado das cousas, o respirar da sociedade, cuestionar os mecanismos de poder e poñer o foco sobre as principais problemáticas dunha sociedade”.

Concentración en Compostela

A CNT mantén a convocatoria dunha concentración para hoxe na compostelá Praza de Cervantes ás 20 horas, a pesar da súa posta en liberdade, “até que os compañeiros fiquen sen medidas cautelares (comparecencia diaria, pasaporte e domicilio localizábel), retiren os cargos e devolvan os títeres incautados”.