Entre Meirás e a simboloxía: a memoria democrática da Galiza

Pedro Barrié, no centro, nas obras do encoro das Conchas, na Limia. (Foto: Arquivo de Xoán Carmona Badía)
Nestas últimas semanas soubemos de dúas novas moi significativas relacionadas coa reparación dos efectos do franquismo en Galicia: a desestimación dos recursos da familia Franco sobre a propiedade do Pazo de Meirás e a posible celebración dun próximo pleno do Concello da Coruña para decidir sobre a retirada da simboloxía franquista da cidade. Se a primeira destas cuestións non merece senón parabéns para os que traballaron arreo para acadarmos a recuperación do pazo, na proposta de lista de persoas incursas na posible retirada de honores na cidade herculina hai algún caso que merecería un debate máis amplo antes da ser incluído definitivamente nela. 

Ímonos referir aquí ao de Pedro Barrié de la Maza, presidente do Banco Pastor durante máis de tres décadas e o máis importante empresario da Galicia do século XX.

Desde logo que se pescudamos en calquera buscador, ou mesmo na Wikipedia, atoparemos variadísimas responsabilidades apostas a Barrié, tales como a implicación na trama civil e no financiamento do golpe de 1936 ou a participación activa na depuración das súas empresas. Que o seu éxito económico foi unha derivada da súa adhesión ao novo réxime e que foi el o autor da iniciativa da merca do Pazo de Meirás como agasallo a Franco. E, aínda máis grave, que, co obxectivo de facerse coa súa empresa, a Electra Popular Coruñesa (en adiante EPC), foi o instigador do asasinato dun suposto competidor: o empresario e político republicano José Miñones.

Mais, existen en realidade documentos e evidencias que impliquen a Barrié en actividades incluídas na lei de memoria democrática? Achega alguén probas concluíntes de tales asertos? Ata que punto unha certa visión negativa do empresariado, e máis en particular de quen se viu afectado pola histórica controversia sobre a construción dos encoros do Miño, pode influír na construción daquel relato?

Nun recente artigo aparecido o ano pasado no número 245 da revista Grial, Diego Rodríguez ten discutido algunhas daquelas cuestións, achegando evidencias de que o Banco Pastor e os seus directivos estaban en xullo de 1936 completamente á marxe das posicións golpistas e de que a depuración nas empresas do grupo (non só o banco) foi algo imposto polos sublevados, fronte ao que eles pouco podían facer.

Ás probas ofrecidas no devandito artigo de Grial, gustaríame engadir a min unha máis sobre esta última cuestión: o día 24 de xullo, menos dunha semana despois do golpe, o comandante militar da Coruña Enrique Cánovas ditou todo un feixe de instrucións aos bancos locais. Incluíase nelas o nomeamento dun interventor do Banco de España como delegado seu, "para que en unión del señor Delegado de Orden Público", que era nada menos que o tenente coronel da Guardia Civil Florentino González Vallés, "corrijan las faltas en que incurran los empleados de los bancos de esta plaza". Co banco intervido por estes dous elementos, era posible negarse a asinar algún tipo de medida disciplinaria sen grave risco de vida e facenda? Con todo, e como demostra o artigo indicado, os directivos do banco esforzáronse en que a depuración fose limitada en número e mínima en intensidade.

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 18 de abril. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]