A Xunta remite a documentación definitiva da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (no concello de Parada de Sil - Ribeira Sacra). (Foto: Héitor Picallo)

Así o anunciou esta tarde o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na presentación celebrada en Fitur, a Feira Internacional de Turismo en Madrid, en presenza do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou esta cuarta feira en Fitur, en presenza do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que a Xunta xa ten entregada toda a documentación definitiva da candidatura da Ribeira Sacra: Paisaxe da auga a Patrimonio Mundial. Fíxoo nunha presentación no expositor da Galiza na Feira Internacional de Turismo xunto co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

 "Galiza cumpriu rigorosamente cos trámites e cos tempos exixidos”, aseverou o representante de Cultura do Goberno galego, quen precisou que, nun primeiro lugar, a Xunta realizou o envío do expediente definitivo ao Ministerio de Cultura, xa que lle corresponde a este departamento a presentación ante o Centro de Patrimonio Mundial, situado na capital francesa. “E así se fixo, tras a súa revisión, e antes do prazo máximo marcado, que era o 1 de febreiro" asegurou. 

"Trátase de pasos claves co obxecto de que agora toda esta documentación sexa revisada polos organismos avaliadores da Unesco", precisou o conselleiro. Ante este  novo escenario, asegurou que a Xunta afronta con "boas expectativas" esta recta final da candidatura, que cualificou de "madura, mellorada e ampliada" e da que apuntou que tivo en conta a importancia da auga e das achegas de técnicos, expertos, veciños e axentes locais.

Ao respecto, fixo fincapé en que a proposta presenta unha paisaxe construída co uso da auga "dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial", argumentou o máximo responsábel de Cultura do Goberno galego.