Ehlaba, pintora: "Hai obras que se venden por uns prezos desorbitados onde a arte ten pouca importancia"

Ehlaba diante dunha das súas obras no Museo Ramón María Aller de Lalín. (Foto: Nós Diario)

Ehlaba Carballo de Dios (Xunqueira de Espadanedo, comarca de Allariz-Maceda, 1960) ten presentado as súas obras en galerías de Ourense, Compostela, A Coruña, Vigo, Barcelona e Madrid mais tamén participou en exposicións en Xapón, Francia e Estados Unidos de América. Agora ten aberta a exposición 'Emet' no Museo Municipal Ramón Mª Aller de Lalín (O Deza) até o 23 de maio.  

A natureza sempre está presente na súa obra. Cal é a razón?
A natureza é unha necesidade vital para min. A miña alma, a alma dos humanos, está conectada coa natureza, se nos afastamos dela afastámonos de nós mesmos. A natureza é a que nos dá paz, equilibrio, ensínanos os ciclos naturais da vida e a morte.

Observándoa e escoitándoa podemos coñecer a nosa esencia e sandar os desaxustes e a distorsión que nos produce un mundo inventado por uns cantos que están infectados polo virus da ambición, un mundo cheo de guerras de todo tipo que nos desconecta de nós mesmos e dos demais seres humanos. 

Desde que iniciou a súa carreira artística ten exposto por toda Galiza e tamén no estranxeiro. A ollada de quen visitou as exposicións onde estivo presente a súa obra foi diferente en cada sitio?
Os seres humanos somos todos iguais e todos diferentes, non importa a raza ou o país. Cando unha persoa mira unha obra de arte a observación procede desde ela mesma, desde a súa sensibilidade, desde o seu coñecemento intelectual e espiritual, cada persoa ve algo que pode conectalo con ela, ou non.

Non ten que ver co lugar, é a persoa. Unha persoa pode ver hoxe unha obra e producirlle uns sentimentos, e dentro dun ano, ou dez anos, ver e sentir algo totalmente diferente con esa mesma obra. Moitos artistas non foron entendidos até que transcorreron anos ou séculos.

Todo artista ten as súas influencias. Cales foron as súas?
Para min sempre foron especiais Van Gogh, Kandinsky e Remedios Varo. Mais creo que cada obra de arte é o froito das experiencias, vivencias, estudo, aprendizaxes e coñecementos que imos adquirindo. Todo co que contactamos e aprendemos inflúenos. Un artista de 20 anos non pode realizar as mesmas obras que cando ten 60 anos.  

Despois de anos percorrendo salas de exposicións públicas e privadas que opinión lle merece o circuíto artístico galego?
Na Galiza temos moitos espazos expositivos, museos, galerías, centros culturais importantes. Todas as semanas celébranse varias inauguracións. Todos estes espazos existen grazas a que as e os artistas expoñemos neles as nosas obras, na maioría das ocasións a cambio de nada.

Se todas nos puxéramos de acordo e negámonos a expor, os espazos expositivos do mundo terían que fechar e iríanse quedarían sen emprego millóns de persoas. E isto paréceme importante apuntalo, facelo ver e cambiar algunhas maneiras ou modos de actuar.

E o mercado da arte?
O mercado da arte creo que está marcado por uns conceptos que quizais se debesen revisar. Nós, como artistas, o que queremos é crear e poder vender as nosas obras para poder seguir creando. Gústanos que adquiran nosas obras persoas que se emocionen con elas.

É lexítimo cobrar polo noso traballo aínda que non sexa fácil igualar o prezo co seu valor real. Mais creo que tamén se venden obras por uns prezos desorbitados, prezos nos que a obra de arte ten pouca importancia, é o mercado puro e duro de moeda de cambio, e esa é outra historia.