Remontada do Ulla o sábado 3 de agosto
As dornas homenaxean Rosalía de Castro
02 de agosto de 2019 (14:32 h.)
“¡Que inchadiña branca vela / antre os millos corre soa, / misteriosa pura estrela! / Dille o vento en torno dela: / 'Palomiña, ¡voa!,¡voa!”, cantou Rosalía de Castro en Cantares Gallegos (1863). A estes versos remiten desde a Fundación da poeta e a asociación Dorna da Arousa para organizar a Inchadiña Branca Vela deste sábado, 3 de agosto: máis dunha ducia de dornas remontarán Ulla e Sar para celebrar a autora de Follas Novas.
A organización do evento, coa que colaboran os concellos de Padrón, Valga e Dodro, Corauto e a Pulpería Rial, chama a participar na saída en Vilarello, na arribada en Padrón ou ao longo do traxecto. “Lamentabelmente nas dornas non hai moito sitio”, explica, ao tempo que abren a porta a navegar na vindeira edición da Inchadiña: “Se nos fas fotos ou gravas vídeos e nolos mandas (fundacionrosalíadecastro@gmail.com) podes gañar un convite para o ano que vén. Será para quen consiga máis gústames no Facebook”.