Dez anos despois volve o inspector Leo Caldas

Domingo Villar publicará a súa terceira novela en marzo de 2019

O escritor Domingo Villar nunha edición pasad do Culturgal. Foto: Culturgal.

As súas dúas novelas irromperon na literatura galega con forza de best seller. Eran narrativa policial de rostro amábel, irónica, que xogaba coa identidade galega do seu protagonista, o inspector Leo Caldas, e co seu escenario, Vigo. Traducidas a varias linguas, a segunda con versión cinematográfica, do seu autor, Domingo Villar, non volveu haber apenas noticias. Dez anos despois reaparece co seu terceiro libro.
 

O último barco, que a Editorial Galaxia colocará nas librarías en marzo do ano que vén, suporá o seu agardadísimo regreso. Nada menos que 700 páxinas empregou Villar para compor unha nova historia coa súa cidade como fondo e un tema clásico do noir como escusa: as cousas non son o que parecen e debaixo da tranquilidade burguesa ferve o malestar e o innomeábel.

 

“Unha mañá de outono, mentres a costa galega se recupera dos estragos dun temporal, o inspector Caldas recibe a visita dun home alarmado pola ausencia da súa filla”, explica Galaxia o argumento nun comunicado de prensa, “na vida coma no mar, a máis apracible das superficies pode agochar un fondo escuro de devastadoras correntes”.

 

Domingo Villar (Vigo, 1971) anunciara en varias ocasións a continuación das exitosas Ollos de auga (Galaxia, 2006) e A praia dos afogados (Galaxia, 2009). A prensa mesmo chegou a publicar o título da mesma, Cruces de pedra, finalmente mudado a O último barco, e a súa inminente publicación en 2013. Mais só o 6 de marzo os seus inúmeros lectores e lectoras saíran deste longo período de espera.

 

O último barco aparecerá simultaneamente traducida ao castelán da man de Siruela.