A artista Carmen Hermo homenáxeao cun ábum de debuxos

Man de Camelle, o home que esculpía o natural

Debuxo de Man de Camelle, por Carmen Hermo. Foto: Kalandraka.

A súa figura era totémica. Recibía os visitantes practicamente espido e deixaba que se internasen no xardín da súa casa, no espigón de Camelle (Camariñas). Alí, o Alemán -Manfred Gnädinger- fora construíndo un monumento de land art, esculturas extraídas dos cons, pintura primitivista. A artista Carmen Hermo homénaxeao nun álbum de debuxos, sinxelamente titulado Man de Camelle.
 

Publicada por Kalandraka, realizada a carbón, a obra deita unha ollada oblicua sobre Gnädinger, aquel home nado en Radolfzell (Alemaña) en 1936 e que morreu en Camelle, segundo a sabedoría popular a causa da tristeza provocada pola desfeita do Prestige, o 28 de decembro de 2002. Do conreto e do abstracto, do detalle e da vista xeral, de texturas e do figurativo nútrese Man de Camelle.

 

“Carmén Hermo fai non só o mellor retrato do artista na súa natureza”, expón Antón Castro no limiar -Man e a natureza romántica da Costa da Morte-, “senón que tamén rende homenaxe a todos aqueles creadores, herdeiros do mauditisme, que habitan na periferia dos grandes circuítos da arte, a pesar da súa xenialidade”. Man de Camelle estudara arte en Italia e en Suíza fora docente da materia para persoas con dificultades de integración. A Galiza chegou na década dos 60.

“Un artista da natureza, un land artist que poñía en escena, na súa peculiar folie sobre dun promontorio de pedras, fronte ao mar da Costa da Morte, o romanticismo estético de Friedrich Schelling e do mariñeiro da mitoloxía clásica de Hölderlin”, delimita Castro este autodidacta “romántico e primitivo”. É o que Hermo recolle co seu lapis en Man de Camelle, unha existencia para a arte, dentro da arte.

 

Os seus traballos amoreábanse xusto á beira do Atlántico. Penas redondas unhas enriba das outras, como inauditos monumentos ao mar terríbel, do que o Alemán ficara enganchado en Camelle. Quen primeiramente e durante anos non excedía a consideración de lunático foi, aos poucos, valorado por veciñanza, curiosos ocasionais, propios e estraños. O labor de Carmen Hermo tamén tivo que ver con este regreso a Man. “Lexitimar a súa obra e defendela e facelo no contexto internacional da arte e a natureza”, escribía en 2010 como presentación do proxecto Investigadores para Man.

 

Antes de Man de Camelle, o poeta Xoán Abeleira publicara a súa propia lectura do home e do artista: A pegada de Man (Xerais, 2006). Un documental, Manfred, o alemán de Camelle, dirixido por Bernardo Cequera, recolleu a súa vida. E, desde 2014, o proxecto Man. Mar, arte e natureza fai por preservar o seu legado na propia casa e na Rede.

 

Nota: Man de Camelle na súa casa de Camelle.