O 'Manifesto Lieders' de Rosalía de Castro, traducido ao galego máis de cen anos despois

Rosalia-Sellier

A Fundación Galiza Sempre traduce o Manifesto Lieders de Rosalía de Castro ao galego máis de 100 anos da súa publicación e anteriores traducións ao inglés.

A Fundación Galiza Sempre, co motivo do día de Rosalía, vén de editar e publicar a tradución ao galego do Manifesto Lieders. Este texto, considerado o primeiro manifesto feminista publicado na Galiza e un dos primeiros en Europa, fora sacado á luz en 1858 a través do xornal El Miño.

Alén de traducións elaboradas para iniciativas ou actividades concretas no ámbito feminista e educativo, e malia o valor literario e político do manifesto, até o momento non existía unha publicación que recollese a tradución á nosa lingua, mais si, por exemplo, ao inglés, tradución realizada polo Consello da Cultura Galega, da man da catedrática Kathleen N. March, estudosa da figura de Rosalía de Castro.

A publicación, en formato facsímile, inclúe o texto dixitalizado e recollido na obra completa da autora publicada pola Fundación Rosalía de Castro en 1996. Así mesmo conta cun limiar da doutorada e investigadora María Pilar García Negro, e a tradución profesional de Iria Taibo. Con esta modesta publicación, a Fundación Galiza Sempre quere poñer o foco no valor desta peza ensaística en formato literario, servindo como homenaxe á nosa poeta nacional, pero, especialmente, como ferramenta de difusión do amplo legado que nos deixou, e que como nacionalistas temos a obriga de continuar espallándo. 

O Manifesto Lieders, un falso plural, como ben indica a profesora García Negro —pois lieder xa é o plural de lied en alemán— é unha das obras máis transgresoras do momento pola súa arenga á igualdade, á independencia e á liberdade das mulleres. Ás portas do 8 de marzo, é importante lembrarmos o pensamento e obra de Rosalía, que está claramente vinculado coas mulleres das clases populares, especialmente as labregas.

Mais o corpus literario de Rosalía non só destaca polo seu carácter feminista, tamén pola clara defensa da nosa lingua e da nosa cultura, reclamando un trato xusto para a Galiza. Rosalía escribía desde a súa condición de muller e de galega, por iso era imprescindíbel recollermos este manifesto integramente en galego.

A Fundación Galiza Sempre aproveitará a manifestación en prol do galego deste domingo, convocada pola plataforma Queremos Galego —para a cal fai un chamamento de asistencia—, para facer un reparto masivo do manifesto entre as e os asistentes á manifestación. Alén da difusión do 23 de febreiro, Día de Rosalía, a publicación será presentada en Ferrol o 6 de marzo ás 19.30 horas no Antigo Hospicio e na Coruña o 25 de marzo ás 19 horas na A.C Alexandre Bóveda. Ambos os dous actos contarán coa participación da profesora García Negro, intervindo ademais no caso de Ferrol a secretaria da FGS, Lucía Veciño, e, no da Coruña, a tradutora Iria Taibo.