A Asociación de Actrices e Actores reúnese cos grupos

A “deriva administrativa” do Centro Dramático chega ao Parlamento

O Salón Teatro en Compostela, sede do Centro Dramático Galego. Foto: Xunta.

Baixa contratación de intérpretes, escasa produción, polémicas arredor dos procesos de selección de elenco, deriva administrativa, burocratización, redución das xiras de distribución. Así describe a Asociación de Actores e Actrices de Galiza a situación do Centro Dramático Galego e así llo trasladou aos grupos parlamentarios a pasada terza feira.
 

En xuntanza cos partidos da oposición -co PP está pendente de concretar-, a entidade sindical explicouslles “todas estas eivas, denunciadas ao longo dos anos desde que Agadic [órgano da Xunta do que depende o CDG] decidiu en 2016 instaurar un sistema de elección de elencos baseados na libre coconcorrencia e nas leis que rexen a función pública”. Este marco laboral non se axusta, di a asociación á realidade laboral do sector escénico.

 

“A lei debe adaptarse á realidade”, engade, antes de lembrar que na montaxe Divinas Palabras Revolution chegou a haber “externalización de servizos”, ao hibridar o proceso de escolla de actores, sete por contratación pública e dous por unha compañía privada.

 

A asociación solicitou unha mesa sectorial coa administración e as asociacións profesionais para tratar “a refundación da institución pública de teatro” para convertela en entidade xurídica propia con orzamentos de seu e independencia. Agadic convocou finalmente a mesa pero só para “procurar un parche aos procesos de selección de elencos”.

 

A Asociación de Actrices e Actores expuxo a En Marea, PSdeG e BNG a “necesidade de instar á Xunta a través do Parlamento para dotar o CDG dun marco legal e dunha autonomía real que permita un funcionamento hoxe entorpecido”.