Unha nova intervención dana un muro do cenobio máis antigo da Galiza

A Deputación de Ourense ameaza o mosteiro de San Pedro de Rocas

Mosteiro de San Pedro de Rocas en Esgos. (Foto: Nós Diario).
A Deputación de Ourense teima en ensanchar a estrada de acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas para que poidan acceder grandes autobuses. O proxecto pon en perigo varios elementos patrimoniais de incalculábel valor arqueolóxico, histórico e paisaxístico dun Ben de Interese Cultural.

É o mosteiro máis antigo da Galiza. Peza fundamental na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, San Pedro de Rocas, no concello de Esgos, constitúe unha paraxe de importancia arqueolóxica, etnográfica, histórica, paisaxística, xeolóxica e natural como moi poucos lugares da Galiza. "As últimas investigacións na igrexa e nos seus arredores trouxeron importantes achádegos que abranguen desde a prehistoria até a Alta Idade Media e concluíron que o mosteiro vai máis alá da igrexa escavada na rocha: alcanza as corenta hectáreas que están delimitadas polos seus muros" explica Jorge López Quiroga, historiador e arqueólogo que traballa desde hai anos na zona. 

Todo iso está agora mesmo en perigo polo proxecto da Deputación de Ourense de ampliar a estrada OU-0509 para que poidan acceder ao cenobio autocares turísticos de gran tamaño. 

San Pedro de Rocas foi declarado Monumento Histórico Nacional en 1923; en 1999, a Xunta outorgoulle a categoría de Ben de Interese Cultural (BIC); e en 2018 o BIC estendeuse a unha superficie de cen hectáreas arredor da igrexa rupestre. Mais iso non frea a Deputación na súa decisión de seguir adiante cunha intervención que "suporía a talla de máis de cen árbores -moitas delas centenarias-, a desaparición de muros históricos pertencentes ao mosteiro, un camiño medieval, o enterramento de substratos arqueolóxicos ocupados desde o Neolítico que poden conter todo tipo de materiais reveladores sobre o pasado... E todo isto no corazón mesmo dun BIC", detalla López Quiroga. 

 

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta rexeitou en dúas ocasión este mesmo proxecto, en 2011 e 2018, indicando que as figuras de protección de que goza esta paraxe só permiten asfaltar a estrada xa existente

 

Un proxecto de legalidade dubidosa 

"O proxecto, integralmente, é ilegal", declara Natalia Figueiras, historiadora, conservadora e restauradora da Universidade Complutense que forma parte do Comité Científico da Fundación Moreiras, creada hai dous anos para protexer os valores patrimoniais do mosteiro. "A Deputación leva intentando ampliar esa estrada desde hai anos. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta rexeitou en dúas ocasión este mesmo proxecto, en 2011 e 2018, indicando que as figuras de protección de que goza esta paraxe só permiten asfaltar a estrada xa existente. Patrimonio deixaba claro que non se pode tocar nada, que a intervención ten que cinguirse exclusivamente á mellora do firme". 

En xaneiro de 2019, despois da segunda denegación de Patrimonio, Sandra Quintas Vázquez, alcaldesa de Bande e persoa de confianza do presidente da Deputación Xosé Manuel Baltar, foi designada xefa territorial de Cultura e Turismo. Quintas autorizou a obra de ampliación da estrada obviando os informes negativos previos -cando o emprazamento tiña unha protección menor da que goza agora- e toda a lexislación que protexe o lugar. 

A familia propietaria dos terreos afectados presentou unha demanda contra Quintas, acusándoa de "encubrimento das proteccións da normativa de patrimonio que polo seu cargo está obrigada a coñecer".  Figueiras apunta, ademais, que "Quintas autoriza todo o proxecto nun documento que non só obvia as advertencias anteriores senón que pode incorrer tamén en falsidade documental, xa que tamén está asinado, supostamente, pola xefa de servizo que o denegara anteriormente e que xa non estaba no cargo". A autorización viña avalada por un informe de Tragsatec, unha filial de Tragsa, que era a empresa encargada de realizar os informes técnicos para a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural até que o TSXG anulou, este pasado mes de xaneiro, a decisión da Xunta de encargarlle os informes de pacto a Tragsatec. 

As demandas continuaron: unha contra o presidente da Deputación por un suposto delito de espolio en grado de tentativa, invasión de terreo privado e danos patrimoniais; outra rexistrada ante a Fiscalía por varios historiadores que advirten do risco de que desaparezan elementos patrimoniais de alto valor. Mais as escavadoras seguen presentes na zona: a segunda feira cortaron seis árbores e, na operación, derribaron coas máquinas parte do muro histórico que delimita o coto do mosteiro. "O contrato coa empresa madeireira encargada da corta vence o día 9, por iso teñen présa en comezar os traballos", revela Figueiras. "Mais comezaron sen o permiso de Medio Rural e por iso se viron obrigados a parar, porque estabamos informando os medios en directo. Mais non sabemos se obterán ese permiso nas próximas horas". 

 

O conselleiro de Cultura afirmaba no Parlamento, ese mesmo mes, en resposta a unha pregunta do PSdeG, que "as actuacións propostas están fóra da area de protección do BIC", malia que a propia Deputación recoñece na memoria do proxecto que "está dentro da área de protección do mosteiro de San Pedro de Rocas, en solo rústico de Protección de Patrimonio Arqueolóxico"

 

Apoio da Xunta 

As obras, daquela, poderían continuar mesmo con todas as denuncias admitidas a trámite. "Resulta paradoxal que non se poidan tomar medidas cautelares e paralizar a obra até que a xustiza ditamine se o proxecto é legal ou non", manifesta López Quiroga. No medio desta batalla legal, a Xunta parece respaldar a Deputación. A Directora Xeral de Patrimonio manifestou no Foro Territorios Patrimonio da Ribeira Sacra, en novembro do 2020, que "desde o punto de vista patrimonial non existe dano arqueolóxico en absoluto", mentres que o conselleiro de Cultura afirmaba no Parlamento, ese mesmo mes, en resposta a unha pregunta do PSdeG, que "as actuacións propostas están fóra da area de protección do BIC", malia que a propia Deputación recoñece na memoria do proxecto que "está dentro da área de protección do mosteiro de San Pedro de Rocas, en solo rústico de Protección de Patrimonio Arqueolóxico". 

 

 

Un santuario que xa sufriu danos

San Pedro de Rocas xa foi obxecto dunha actuación que danou algúns dos seus elementos. En marzo de 2020, en pleno estado de alarma, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, licitou de urxencia unhas tarefas "de limpeza e roce" que acabou nunha intervención "sen proxecto arqueolóxico, con métodos prohibidos pola lei de Patrimonio e que non estaba autorizada", matiza López Quiroga, que danou a rocha, provocando desprendementos e "que causou danos irreversíbeis en elemento de gran valor: celas eremíticas, tumbas monumentais, un santuario rupestre da Prehistoria recente... E isto fíxose dentro do Plan Director coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.