O Delas Fest celebra a súa sétima edición con catro novos murais
O festival feminista de arte urbana Delas Fest celebra a súa sétima edición cunha nova intervención artística en Santiago de Compostela. Nesta ocasión, as artistas urbanas María Peña-Mapecoo, Hanna Lucatelli, Galleta María e Tamara Baz serán as encargadas de realizar os catro novos murais nas zonas de Santa Isabel e Vista Alegre. A proposta trata de dar visibilidade á creación artística feita por mulleres no espazo público e promover a reflexión social a través da arte.
Organizado por 7H Cooperativa Cultural co apoio do Concello de Santiago de Compostela, o Delas Fest consolidouse como un referente no ámbito da arte urbana con perspectiva de xénero. Desde o seu inicio en 2019, leva máis de vinte murais realizados en diferentes localidades galegas. Nesta edición, ademais das intervencións murais, haberá accións paralelas como visitas guiadas e encontros coas artistas.
Entre os días 7 e 9 de xullo, terán lugar distintas actividades nas que María Peña e Hanna Lucatelli se mergullarán na idiosincrasia dos barrios de Vite, Vista Alegre e Santa Isabel. Na terza feira 8, xunto a Encarna Otero, realizarase unha ruta a redor dos oficios femininos vinculados á auga; pola tarde celebrarase o encontro de anfitrioas no CSC Antón Fraguas coa veciñanza dos barrios antes citados. Na cuarta feira 9, coñecerán o barrio de Vite a través dun paseo, en colaboración con Vite Arquiva. Rematarase coa visita ao CSC José Saramago onde se conserva o arquivo veciñal.
O VII Delas Fest continuará en setembro coa súa programación Expandida, a través da III edición do Familia Delas Fest e distintos encontros nos centros de secundaria dos concellos implicados. Todo isto permitirá introducir a públicos de todas as idades na arte urbana contextual e feminista.
O Delas Fest, ademais, aposta un ano máis por tecer unha rede feminista de traballo, visibilización e reivindicación, como demostra a xenealoxía que se está a artellar ao seu redor. No cartel desta edición, a artista urbana Lupita Hard homenaxea a graffiteira Lady Pink.