David Rodríguez, premio Vicente Risco por un estudo sobre Castelao

David Rodríguez, premio Vicente Risco cun ensaio sobre Castelao. (Foto: Nós Diario)

A Fundación Vicente Risco ven de outorgar o seu premio de ciencias sociais. O gañador deste  ano é o ensaísta e colaborador de Nós Diario, David Rodríguez, cun traballo de investigación sobre Castelao.

 

David Rodríguez resultou gañador da XXVI edición do premio de Ciencias Socias da Fundación Vicente Risco. Rodríguez, autor do volume O canastro é o tornarratos, é unha das voces de máis relevo do ensaio galego actual. Precisamente, este traballo significou a consolidación dun autor que xa se tiña dado a coñecer en diversas obras colectivas e mediante o blog O funambulista coxo, cuxos traballos foron publicado en parte en 2012.

A obra premiada pola Fundación Vicente Risco leva por título Liberdades antigas, tempos modernos: o republicanismo en Castelao e nela achega novas perspectivas de análise sobre o pensamento do líder nacionalista.

David Rodríguez sinala a Nós Diario que con este traballo pretende “descubrir o que había de cultura política republicana en Castelao”. Neste caso, “o seu é un republicanismo antigo, non un republicanismo liberal, por iso pon o foco na comunidade, que precede ao individuo”.

Rodríguez ten presente na súa análise a  formulación de Benjamin Cnostant. “Constant un liberal clásico, diferenciaba entre a liberdade dos modernos e liberdade dos antigos”, afirma Rodríguez, quen destaca que na segunda “o colectivo se antepón ao individuo e todo é politizábel”.

O republicanismo de Castelao

“Castelao rexeita a tradición republicana francesa e contrapona a unha tradición ibérica, que nesta caso é confederal”, continúa Rodríguez, quen defende que “o pouso tradicionalista de Risco enchoupa o pensamento de Castelao”.

Os debates de Castelao teñen un importante carácter xeracional. Neste liña, Rodríguez apunta a analoxía entre as súas formulacións e dalgúns contemporáneos, “como acontece con Gramsci, no referido ao populismo ou ao nacional popular”.

Rodríguez observa en Castelao preocupacións semellantes “ás expresadas por Polanyi no seu volume A grande transformación ou as defendidas por Walter Benjamin sobre o carácter non lineal da idea de progreso”, defendidas polas correntes mecanicistas do marxismo.

“O pensamento de Castelao certifica que non hai quebra entre o Partido Galeguista e o nacionalismo de matriz marxista que xurde na década dos 60”, certifica Rodríguez, quen cuestiona “a tese do piñeirismo que quere estabelecer unha incompatibilidade entre estas dúas correntes”.