Cultura

Danse a coñecer os finalistas da Gala do Libro Galego

gala libro galego
Irmá Paxaro, de Tamara Andrés, destaca con catro nomeamentos

Xa son públicos os finalistas aos premios Gala do Libro Galego, que recoñecen o traballo do eido editorial en 2019. A Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías da Galiza darán a coñecer as gañadoras da quinta edición o sábado 9 de maio no Teatro Principal de Santiago.

A escolma de finalistas ofrece, por categorías, un percorrido pola edición do pasado ano. A decisión do xurado en materia de poesía correrá entre Feliz Idade (Olga Novo), Irmá paxaro (Tamara Andrés) e Un libre favor (Chus Pato). A da narrativa farao entre Carrusel (Berta Dávila), Infamia (Ledicia Costas), Os días felices de Benvido Seixas (Eduard del Castillo) e Seique (Susana Arins). O teatro nomea Atranco no banco (Manuel Núñez Singala), Citizen (Chévere) e Somos os monstros (Paula Carballeira).

En ensaio considéranse Castelao. Construtor da nación (Miguel Anxo Seixas), Dentro da Literatura (Suso de Toro) e Educar a través da arte (Vicente Branco e Salvador Cidrás). A mellor divulgación disputarana A que cheiran as cores? (Juan Castro), Ferreñas e Rock&Roll (Laura Romero e Iria Pedreira)e Guadi Galego, pola beira da canción (Pepe Cunha).

O libro infantil dubida entre A tartaruga Amodovou (Paula Carballeira), Bicos e non balas (Antonio García), Conexión Macarrón (Ledicia Costas) e Versos e viceversos (Antonio García Teijeiro e J.C. Martín Ramos); mentres o xuvenil inclúe Be Water (Antía Yañez), Irmá paxaro (Tamara Andrés), O asasinato da profesora de xeografía (Pere Tobaruela) e Os corpos invisibles (Emma Pedreira).

O libro ilustrado tamén contempla Irmá paxaro (con debuxos de María Montes), Os camiños do vento (Xosé Cobas) e Teño dereitos (Miguel Robledo). En banda deseñada compiten A chaira (Antonio Seixas), Aprende banda deseñada con Fiz (Kiko da Silva) e O bichero IX. Run is life (Luis Davila).

Na tradución están nomeados Samuel Solleiro (Frankenstein), Celia Recarei e Carlos Valdés (O conto da criada), María Alonso (O tatuador de Auschwitz) e David A. Álvarez (Pippi Mediaslongas nos mares do sur). O premio ao libro mellor editado será para Atlas da Galicia pequeniña (César Cequeliños e Jorge Campos), Fosforescencias (Lupe Gómez) ou Irmá paxaro.

Entre os premios á traxectoria, a mellor Iniciativa Cultural será para 21 días co galego, o Club de Lectura Atochas-Montealto, a Libraría Chan da Pólvora ou o Poemagosto. O de proxecto literario na rede estará entre Biosbardia, Kalandraka TV e Lecturafilia. Por último, no apartado de xornalismo cultural compiten Anxo Quintela, César Lorenzo,  Daniel Salgado e María Yáñez.