Contracultura

Daniel González: "A canción 'Os Reis do Lugar' é unha mestura nun mesmo tema de todo o que facemos"

Víctor Gómez, Isi, Dani Acuña, Rubén Valverde, Jesús Porto, Héctor Lorenzo, Yago Graña e Daniel González. (Foto: Nós Diario)

Daniel González (Cangas, 1998), integrante de Quinkillada, presenta Os Reis do Lugar, unha cumbia estival que nos leva de volta ás verbenas e recupera a esencia festeira da banda do Morrazo. A canción convídanos a rachar coa rutina do inverno e pór a vista neses solpores infinitos do verán.

—Como nace o seu novo sinxelo Os Reis do Lugar?
Os Reis do Lugar é un tema que nace un pouco dunha idea pasada, de hai arredor duns dous anos, que retomamos agora porque estamos cun montón de lanzamentos e queriamos darlle un pouco de forza a esta nova tempada que comeza.

—Despois da colaboración con Grande Amore e Capital Voskov, o grupo volve cunha cumbia que nos leva directos ao verán en plena borrasca. Cando escoitaremos Os Reis do Lugar en directo?
A primeira data aínda a estamos planeando para o mes de abril. Pero vamos, que este verán volveremos aos festivais. Tamén estamos pendentes de fechar outras datas para facer máis directos.

—Que parte da identidade de Quinkillada recuperan con este tema máis festeiro?
Recuperamos xusto esa parte nosa, a que nos une. A de ir de festa, pasalo ben e facer música para que a xente poida desfrutar. Para deixar atrás as penurias da vida. Que recuperen esa parte do verán que tanto lle gusta a todo o mundo e que foi a que levou ao grupo cara diante, basicamente.

—Por que a cumbia encaixa tan ben coa idea de rachar coa rutina e deixarse levar?
A música latina é o que máis está entrando agora mesmo. É o que o está petando en todas as partes do mundo e xusto a cumbia é un estilo musical moi bailábel, moi desfrutábel e moi divertido. Para nós a cumbia é un estilo chave para facer os temas, porque nos dá ese carácter desenfadado que axuda a xente a desinhibirse, a pasalo ben e a desfrutar, que ao final é do que se trata coa música e os festivais.

—O directo é o seu medio. Idean este tipo de temas xa visualizándoos nos torreiros, co público diante?
Si. Normalmente os temas pensámolos máis para interpretar en directo que para a gravación. Obviamente para que a xente os poida coñecer temos que gravalos, e ao mellor aí dámoslle un toque distinto. Pero polo xeral primeiro pensamos para o directo e despois xa cando é hora de gravar toca levalos a ese formato.

—Como se sente o grupo volvendo ás raíces festeiras?
A verdade é que é o noso, entón estamos cómodos, como na casa. A canción Os Reis do Lugar é unha mestura de todo o que facemos reunido nun mesmo tema. Por iso para nós é como un fillo máis.

—Con respecto aos próximos tempos de Quinkillada, que podemos agardar en canto a novos estilos, temas ou colaboracións?
Nesta nova tempada, ademais de volver ao antigo, estamos tamén explorando novas posibilidades. Aínda temos algunha que outra colaboración por sacar. Non nos gusta moito o rollo de crear hype pero si que é verdade que estamos falando con máis artistas e estamos tentando explorar novas posibilidades, estilos, sons, etcétera.

—Está chovendo moito. Que lle diría á xente para animala a pasarse por un directo de Quinkillada?
Diríalle que veña. Que por vir non perde nada. A festa sempre está asegurada connosco. Sen ánimo de alardear nin nada polo estilo, o certo é que a xente adoita pasalo moi moi ben nos nosos concertos. Aínda que non coñeza os temas, son cancións súper bailábeis e súper festeiras. Teñen 100% de festa asegurada.