Curtocircuíto confirma o pulo do ensaio audiovisual na súa XXI edición

Foto de familia do Curtocircuíto 2024. (Foto: Nós Diario)
A dirección do Festival valora esta edición como “un éxito de público pola gran conexión e interese das asistentes pola programación neste novo modelo de Curtocircuíto máis curatorial”.

Coa proxección do filme gañador do Premio do Público -Las novias del sur de Elena López Riera-, púxose fin, este domingo 6 de outubro, á vixésimo primeira edición do festival internacional de cine Curtocircuíto de Compostela. Na gala de clausura,que pon fin a unha semana de cinema, música, encontros e sesións especiais, e que comezou co espectáculo CRISPR, the Pattern of Life AV de Bromo (Paloma Peñarrubia & Azael Ferrer), deuse a coñecer, o Palmarés desta edición.

O Premio Cosmos á Mellor Película foi para It Will Be Better Before de Keto Kipiani; o Premio Cosmos á  película máis innovadora levouno Exit Through the Cuckoo's Nest de Nikola Ilic; Las novias del sur, de Elena López Riera mereceu tamén, ademais do premio do público, o Premio á Mellor Película Española; Pura. de Carmen Méndez  gañou o Premio Supernova e o Premio Cátedra Cruz Vermella-USC); Humedalia de Irene Saenz Carballeira, fíxose co Premio Planeta GZ; o Premio do Xurado Novo foi para For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World, de Gala Hernández; e Fontes, de Mario Elías Blanco Boullosa e Andrea Rodríguez Regodeveses foi galardoada co Premio #OutraCompostela. 

Á gala de clausura, celebrada no Teatro Principal, contou coa participación da alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a concelleira de Xuventude, María Rozas, a responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo; así como representantes da corporación municipal e das entidades colaboradoras desta edición.

Goretti Sanmartín destacou que “Curtocircuíto é un referente na procura e na exhibición de talento audiovisual, galego e internacional. Compostela ten a sorte de contar cun espazo interdisciplinario como este”. 

Pola súa parte, o director artístico de Curtocircuíto agradeceu a todas as persoas que fixeron posible unha nova edición deste festival e explicou que “foi un éxito de público... Sentimos unha boa conexión coa asistencia e un grande interese pola programación. Este novo modelo máis curatorial tamén está a ter unha boa acollida na prensa especializada. Agora necesita tempo para consolidarse pero tivo un moi bo comezo. Sen dúbida, seguiremos traballando arredor de eixes temáticos que artellen un programa interdisciplinario”.

Esta edición Curtocircuíto bateu o récord de asistencia nas seccións Criaturas e Teenage Riot con máis de 1.400 escolares. Esta é unha das apostas do festival cara á creación de novos públicos e á procura da integración dos seus contidos nos programas educativos da área de Santiago.