Rodrigo Cuevas e Ortiga crean e gravan un tema xuntos
O obxectivo do proxecto A residencia é o de pór a disposición de artistas chegados de diferentes estilos musicais un espazo anovador de experimentación.
Nesta ocasión o artista asturiano Rodrigo Cuevas e mais o compostelán Ortiga van partillar a residencia musical dunha semana de duración.
Neste tempo, ambos os dous artistas desenvolverán o seu proceso creativo co obxectivo de compor e gravar un tema inédito.
A gravación terá lugar nos estudos Mans, na vindeira sexta feira, e presentarse ao público dentro do programa de Radio 3 Hoy empieza todo, que se emitirá en directo entre as 7 e as 9 da mañá, desde o propio estudio.
Polo proxecto “A residencia” xa pasaron, nas edicións anteriores, bandas e artistas da escena galega e portuguesa e do Estado español como Izal, Depedro, Amaro e Iván Ferreiro, Love of Lesbian, Viva Suecia, Rufus T. Firefly, Luisa Sobral, Zahara, Novedades Carminha, Dellafuente ou Coque Malla e mais Morgan.
O perfil dos artistas
O músico asturiano Rodrigo Cuevas descríbese a si mesmo como “axitador folclórico”. Ten dous traballos discográficos no mercado, Prince of Verdiciu e Manual de Cortejo, e é un referente da experimentación musical coa tradición popular como base.
Ortiga, pola súa banda, é o proxecto unipersoal do compostelán Manuel ‘Chicho’ González. Un espectáculo musical no que fusiona ritmos pop, con melodías de verbena e con cumbia e co uso do autotune e de sintetizadores MIDI.