'Cores e rock', a receita para achegar a cativada galega ao ecoloxismo
Laura Romero e Pakolas resultaron gañadoras dun dos cinco premios do I Certame de Fondos de proxectos culturais singulares da Deputación da Coruña co proxecto multidisciplinar 'Cores e rock para un ecoloxismo molón, con Laura Romero e Pakolas'. En total, 20 propostas foron premiadas dentro deste certame.
A primeira parada deste proxecto tivo lugar esta quinta feira na Biblioteca do Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga (Ceida) de Oleiros (comarca da Coruña), onde a acollida do público excedeu as expectativas, segundo explican Romero e Pakolas a este medio, e continuará o seu percorrido en centros educativos, de Infantil e de Primaria, así como en centros ou bibliotecas con proxectos relacionados co medio ambiente. En setembro pasará pola escola unitaria de Visantoña e Olas (Mesía, comarca de Ordes) e ao longo dos meses de outubro e novembro irá a outros catro centros en Ribeira, Carral, Pontevedra e a Unitaria do Gaioso, en Compostela.
Francisco Cedeira Pakolas explica que o seu concerto, cunha duración duns 50 minutos, está baseado en Ecoralia a lambona ecolóxica, un relato infantil sobre unha meiga que decide prescindir da súa maxia para pensar nas solucións máis ecolóxicas aos seus problemas.
Un espectáculo escénico con música en directo de Pakolas, con tres ou catro sesións previas de ilustración e pintura mural a cargo da ilustradora e profesora de debuxo, pintura e música Laura Romero. Os murais ficarán en cada centro e variarán en función do espazo.
Esta creación dá visibilidade á ecoloxía e ao coidado do medio, á sensibilización medioambiental, á defensa da terra e ao traballo das mulleres no agro e no mar, así como á reivindicación da lingua galega nas artes. A proposta vai dirixida principalmente aos cativos e as cativas.