Copiou Amaia unha canción de Aliboria?

Fotograma do videoclip de 'Aralar', de Amaia Romero. (Foto: Nós Diario)

"Aralar", o novo sinxelo de Amaia Romero, lembra especialmente a "Caroi", peza emblemática do grupo Xosé Lois Romero e Aliboria. É plaxio ou inspiración?

A escena musical estatal vive días intensos. A filtración do novo disco de Rosalía, que moitas e moitos xa cualifican de "reinvención da música moderna", converteuse no acontecemento cultural da semana. A artista catalá, que volve mesturar flamenco, electrónica e tradición popular, provocou un aluvión de reaccións —desde a fascinación até o escepticismo— e reabriu unha conversa sobre os límites da orixinalidade e a apropiación creativa.

E mentres as redes sociais analizaban cada compás do novo traballo de Rosalía, outro debate, de carácter máis íntimo pero igualmente significativo, prendía entre o público galego: a semellanza entre "Aralar", o novo sinxelo de Amaia Romero, e "Caroi", peza emblemática do grupo Xosé Lois Romero e Aliboria, un dos proxectos máis singulares da música de raíz galega contemporánea.

Foron os seguidores de Aliboria quen primeiro advertiron a coincidencia: un patrón rítmico case idéntico, construído sobre a mesma estrutura de percusión vocal e acompañamento minimalista. A polémica medrou até o punto de que, poucas horas despois, o propio Xosé Lois Romero confirmou nunha publicación nas súas reces sociais que o equipo de Amaia "sampleara" un ritmo de "Caroi" para usalo como base de toda a canción.

Lonxe de escalar o conflito, o ton mantívose cordial. No comunicado Aliboria informou de que a cantante navarra asumira o erro e que ambas as partes estaban xa en contacto para resolver o incidente de maneira amistosa.

"Tivemos a oportunidade de falar con Amaia e o seu equipo. Asumiron responsabilidades e amosaron comprensión e sensibilidade ante o ocorrido", explicaron os músicos, que tamén agradeceron o apoio recibido e destacaron que "é unha sorte que a nosa música poida inspirar grandes artistas".

A propia Amaia reaccionou ao comunicado cunha mensaxe de catro corazóns vermellos, un xesto interpretado como desculpa pública.

A cuestión semella resolta con diplomacia e respecto mutuo —á espera de que os de Xosé Lois Romero poidan aparecer nos créditos de "Aralar"—, mais o episodio serve para lembrar que a música galega continúa a ser un referente recoñecido máis aló dos seus lindes. Como sinalan desde o propio grupo, "a música galega continúa abrindo fronteiras".